O Consorcio de Santiago destinará 150.000 euros a mellorar o mantemento e a eficiencia enerxética dos inmobles
O organismo salienta que os prazos de concesión poden acurtarse se os solicitantes aportan o proxecto técnico xa redactado
No marco do programa “Ter é manter”, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, o Consorcio de Santiago vai destinar un total de 150.000 euros. O prazo para presentarse a estas axudas remata o vindeiro 23 de outubro.
A subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.
No suposto de que sexa imprescindible a substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio, subvencionarase tamén o custo desta substitución. Ademais, con carácter especial, e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da cidade histórica, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a realización das obras como a colocación de andamios, así como os honorarios profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra.
Beneficiarios das axudas
Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas, como unha agrupación de personas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.
Os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade superior aos 10 anos; e estar destinados a vivenda, como mínimo, os 2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto.
Valorarase o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao seu nivel de ocupación
Os interesados deben presentar as solicitudes no rexistro do Consorcio de Santiago ou en calquera outro rexistro. Dende o organismo salientan que as comunidades de propietarios deben avanzar nos acordos de comunidade. E, ademais, que os prazos de concesión poden acurtarse se os solicitantes aportan o proxecto técnico xa redactado.
Na avaliación das solicitudes valorarase que se dispoña dun Plan de Mantemento para o edificio. E primarase a incorporación de novos solicitantes. Tamén se terá en conta o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble, xunto ao nivel de ocupación do mesmo. A cuantía da subvención será do 40% do presuposto máximo subvencionable. Para resolver calquera dúbida desta convocatoria, os interesados deberán poñerse en contacto ou acudir á Oficina Técnica do Consorcio de Santiago.