A finalidade é que o consumidor decida se quere auga mineral natural ou auga da billa filtrada, unha práctica moi común nos establecementos de hostalería
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) está a participar en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que esta semana se está a desenvolver en Expourense.
No marco da feira, a Asociación presentará mañá venres a campaña da ANEABE, a Asociación Nacional de Empresas de Aguas de Bebida Envasadas. Baixo o lema “Claros con el agua”, esta campaña fomenta as boas prácticas e a transparencia coa auga que se sirve en hostalería. “Trátase de distinguir entre a auga da billa filtrada embotellada e a auga mineral natural cando nun restaurante nola serven nunha botella de vidro moi semellante. A simple vista pode que non reparemos nas súas diferenzas, pero é importante coñecelas” -salientan dende a Asociación-.
Nesta liña, a Asociación de Aguas Minerales de España e a Federación Española de Hostelería puxeron en marcha esta campaña, destinada a apoiar a transparencia en hostalería e o coñecemento sobre a orixe e as características dos diferentes tipos de auga que se ofrecen nos locais de restauración. Con isto preténdese evitar a confusión que se pode xerar no consumidor á hora de pedir auga no restaurante e defender o dereito que ten a saber o que bebe e polo que paga.
“Claros con el Agua” quere concienciar aos restaurantes, en especial aos que venden auga da billa filtrada con apariencia de auga mineral, da necesidade de ser rigorosos coa información ofrecida ao cliente. “Se se ofrecen varias opcións, como poden ser a auga da billa filtrada e a auga mineral natural envasada, cómpre informar debidamente das propiedades que cada unha reúne e do seu respectivo prezo para que o consumidor poida elixir libremente” -indican dende a Asociación-. Búscase, por un lado, axudar aos hostaleiros a facilitar esta información aos seus clientes e, por outro, evitar que o consumidor poida sentirse enganado ou confundido ante unha posible falta de información, transparencia ou claridade.
As diferenzas entre a auga mineral natural e a auga da billa filtrada
Dende a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural destacan que a orixe da auga mineral natural é sempre subterránea, o que a protexe de xeito natural de calquera risco de contaminación. Non necesita nin recibe ningún tratamento químico para o seu consumo e a súa composición en minerais é constante no tempo e pode consultarse na súa etiqueta. Envásase a pé do manancial en condicións de extrema asepsia, para protexer a súa pureza orixinal e manter inalterable a súa composición en minerais e propiedades saudables.
Pola contra, a auga da billa filtrada ten unha orixe variable e unha composición inestable. Sométese a un proceso de filtrado doméstico no propio establecemento de hostalería. Este proceso altera a súa composición inicial e elimina o cloro, polo que a auga queda desprotexida e é moi sensible a eventuais contaminacións durante o envasado e servizo ao consumidor.
Para afondar nesta iniciativa, creouse a plataforma www.clarosconelagua.com e varias redes sociais, que ofrecen contido completo e incentivos para hostaleiros, camareiros e consumidores.
Augas galegas
A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural creouse no ano 2011 e, xunto á Asociación de Balnearios de Galicia, constitúen o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia. AGAMIN está integrada por un total de 6 empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadan Aquabona (Fontoira), situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana, en Baiona; e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.