Modesto Luis Gómez, experto en marketing: “Hoxe en día as novas tecnoloxías son imprescindibles como elemento de economía de escala dixital”
Esta actuación divulgativa, que forma parte das actividades previstas no Plan de Comercio Minorista, celebrarase o 27 de setembro no salón de actos, a partir das 16:00 horas
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizará o vindeiro mércores, día 27, unha acción divulgativa sobre marketing dixital, “O comercio dixital. As 40 chaves da mercadotecnia 2.0.”. A actividade, gratuíta con previa inscrición, celebrarase no salón de actos da sede cameral (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo) entre as 16:00 e as 20:00 horas.A acción formativa, dirixida preferentemente a autónomos, microempresas, pemes, empregados e emprendedores do sector comercial minorista, ten por obxecto que os participantes comprendan a importancia das novas tecnoloxías e a dixitalización no desenvolvemento actual do comercio, que tomen conciencia da envergadura da dimensión 2.0 nos negocios e como afecta aos métodos de traballo e ao potencial do mercado. Ademais, os asistentes aprenderán como a mercadotecnia dixital pode chegar a transformar as oportunidades de negocio e comercialización grazas ao uso das habilidades dixitais.
A conferencia estará impartida por Modesto Luis Gómez (Santiago, 1974), licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago, e consultor de marketing da Fundación Incyde. Segundo o experto, as novas tecnoloxías poden mellorar a visibilidade dunha empresa, amplificar as súas oportunidades, multiplicar o seu target, mellorar a experiencia dos seus clientes e facerlle gañar reputación. “Hoxe en día as novas tecnoloxías son imprescindibles como elemento de economía de escala dixital” –explica–.
Modesto Luis Gómez sinala que, para alcanzar estas metas, as mellores ferramentas son as webs, blogs, redes sociais, apps e elementos de deseño personalizado como os wallpapers. “Quen non as teña e non as use limita moito os seus escenarios de negocio” –apunta–. Pero o conferenciante destaca que para conseguir efectividade, o pequeno comercio debe centrarse en métodos de traballo dixitais que impliquen “cooperación competitiva”, como o email marketing, a xestión de redes, sistemas integrados de pagos a distancia e websites colaborativas que se nutran do coworking. En concreto, indica que para aumentar as vendas, os empresarios deben aplicar o sentido común e a curiosidade, no que en dimensión dixital se integra e planifica a partir do denominado “e-marketing 360º”.
Unha das grandes barreiras do pequeno comercio son as grandes cadeas e superficies. O experto considera que para competir con elas é posible formular unha alternativa de calidade “diferenciable, atractiva e excelente”, competindo en “producto aumentado” a través dunha mellora cualitativa na comunicación interna e externa, adicándolle moita paixón, tenacidade e sacrificio.
Esta actividade forma parte do Plan de Comercio Minorista, posto en marcha polas Cámaras de España e a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). O Plan de Comercio Minorista contempla un programa destinado a mellorar a competitividade dos comercios da demarcación cameral de Santiago a través de diagnósticos individualizados e informes de recomendacións de mellora para que os locais comerciais poidan asumir as metodoloxías e solucións e incrementar a súa situación competitiva. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto a partir do 29 de setembro e ata o 31 de outubro. As solicitudes poderanse presentar de forma presencial na sede da Cámara de Santiago ou enviando a documentación por correo postal.
Máis información e inscripcións para a actuación divulgativa: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&p=210#.Wbo7TdV-qH1