Reforzouse en particular a seguridade fronte ao lume
O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia, que levou a cabo a Unión Temporal de Empresas UTE Auditorio de Galicia por un importe global de 271.125,14 euros.
Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Salientan que “o edificio do Auditorio leva vintesete anos de intenso uso. Debido a isto, amosa unha serie de problemas materiais. Algúns deles derivan, entre outros motivos, dos cambios nas normativas técnicas, en especial nas de seguridade de uso, que deixaron obsoletas as decisións de proxecto iniciais”.
Así, este proxecto buscaba aproximar os temas relacionados coas condicións de seguridade do conxunto ás esixencias da normativa actual, en particular no relativo á seguridade antilumes. As actuacións concentráronse na sala principal, a Ángel Brage, e, sobre todo, sobre o seu escenario.
Nesta liña, melloráronse os sistemas de protección antilumes, reforzouse a iluminación de emerxencia e optimizáronse as saídas de emerxencia e a sinalización. A estrutura metálica da sala someteuse a un tratamento superficial antióxido e antilumes. E propuxéronse ademais novos percorridos seguros de emerxencia en caso de lume dende o volume do escenario e o patio de butacas; e, por outro lado, dende a cafetería, a cociña e a sala de exposicións. Ademais, revisouse e actualizouse o Plan de Seguridade e Evacuación existente.
Actuouse nas galerías, afectadas pola humidade
Por outro lado, as galerías do edificio presentaban problemas de impermeabilidade, o que provocaba pequenas entradas de auga e o crecemento de mofos nalgúns puntos. Varios tramos sufrían condensación por falta de ventilación. E nalgúns casos as ferraxes de peche funcionaban mal, o que dificultaba a súa apertura e a renovación de aire. Ademais, o falso teito de táboas de madeira estaba deformado e caído en moitas das súas partes; ao tempo que o forxado da cuberta atopábase moi alterado por riba do falso teito. Por estes motivos o corredor estaba pechado por medo á posible caída das táboas.