A exposición dos irmáns da Estrada José e Manuel Tosar Asorey poderase visitar ata o 30 de setembro
O balneario Termas de Cuntis acolle ata o día 30 de setembro a exposición de pintura e escultura dos irmáns da Estrada José e Manuel Tosar Asorey. A mostra “Pintura e Escultura” poderase visitar todos os días en horario de 9:00 a 23:00 horas.
José e Manuel Tosar expoñen no balneario unha vintena de obras de pintura e escultura. O irmán pintor, José, amosará ao público da comarca unha ducia de cadros realizados en óleo e técnicas mixtas. Presenta pinturas da súa etapa inicial de hai máis de dez anos, feitas sobre óleo e nas que se representan paisaxes e rostros, e outras obras actuais de pintura abstracta trazadas con técnicas mixtas e algunha máscara e acuarela. Manuel Tosar traerá a Cuntis dez pezas de escultura realizadas en pedra e metal. Tralos primeiros quince días de mostra, a “boa resposta do público” emociona aos artistas, que tamén están sorprendidos pola súa repercusión.
Os artistas, que se definen a si mesmos como autodidactas, levan tempo experimentando no mundo da arte. José Tosar (1978) acumula xa anos de traballo pictórico tras os seus inicios nas clases de pintura de Baldomero Calviño na Estrada, polo que o público poderá apreciar unha evolución nas súas técnicas artísticas. Pola súa parte, Manuel Tosar (1980) segue a profundar na escultura e actualmente estase a formar na Escola de Canteiría de Poio. Estudou dirección de cociña no CIFP Compostela, ademais de desenvolver outras actividades diversas que lle confiren un carácter polifacético. Manuel Tosar realiza pezas relacionadas coa cociña, son esculturas de pementos, allos ou percebes a todo color que xa se mostran en varios restaurantes de Santiago, Vigo e Padrón.