Ábrese a convocatoria de axudas económicas do PICE destinadas ao fomento do emprego xuvenil na Cámara de Comercio de Santiago

Destínanse 96.300 euros para a contratación por parte das empresas de mozos e mozas desempregados e o desenvolvemento de novas actividades empresariais

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela abre a convocatoria de axudas económicas destinadas ao fomento do emprego xuvenil no marco do plan de capacitación do Programa Integral de Cualificación y Empleo  (PICE), unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo (FSE) dentro do Programa Operativo de Empleo Juvenil 2014-2020.

O obxecto da convocatoria é establecer o réxime das subvencións destinadas a fomentar a creación de emprego a través de axudas ás empresas para a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Juvenil, así como a apoiar o desenvolvemento de novas actividades empresariais e profesionais, igualmente lideradas por mozos ou mozas beneficiarios de dito Sistema Nacional de Garantía Juvenil. “Estas medidas son un instrumento fundamental de impulso do emprego xuvenil e do emprendemento dentro da estratexia global do Goberno español para avanzar cara a recuperación económica” –sinala a responsable do departamento de Formación e Emprego da Cámara compostelá, Isabel Garrido–.

Esta convocatoria inclúe dúas orientacións, unha liña de axudas a empresas da demarcación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela para a contratación de xente nova sen emprego que finalizara, no marco do PICE, a fase de orientación vocacional do plan de capacitación. Nesta liña de axudas á contratación, a Cámara de Santiago conta cun orzamento de 89.100 euros, dos que se destinarán 4.950 euros para cada contrato que poderá ser de diferentes tipoloxías: indefinido, temporal, en prácticas ou para a formación e a aprendizaxe durante un período mínimo de seis meses. A segunda liña de axudas está destinada ao autoemprego de mozos e mozas sen traballo que tamén finalizaran a fase de orientación vocacional. Neste caso a Cámara contá cun orzamento de 7.200 euros, é dicir 1.800 euros para cada axuda a emprendedor. A convocatoria estará activa ata o 29 de decembro ou ata que se esgoten os fondos.

Pódese descargar a documentación na web cameral (http://www.camaracompostela.com/), facer o trámite e presentar a solicitude fisicamente no rexistro da Cámara (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo. 15701. Santiago) en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas, e consultar dúbidas no teléfono 981596800 ou no mail aempleo@camaracompostela.com