Este mes o museo estará aberto ao público os venres e os sábados
O Museo Casa de la Troya permanecerá aberto ao público todos os venres e sábados deste mes. O horario será de 11:00 a 14:00 horas polas mañás e de 16:00 a 20:00 horas polas tardes, agás os venres, que se prolongará ata as 22:00 horas.
Como peche das actividades de verán, a Casa de la Troya organizará dúas novas visitas culturais teatralizadas polo centro histórico de Santiago e o museo. Terán lugar o venres 15 e o venres 22. O percorrido, que partirá cada día, como é habitual, da praza do Toural, comezará ás 20:30 horas, cunha duración estimada dunha hora e media, rematando cunha visita guiada ao museo, que concluirá sobre as 22:00 horas.
O número máximo de participantes por cada un destes roteiros dramatizados será de 15 e terá un custo de 5 euros por persoa. A inscrición para participar nos mesmos pode facerse chamando ao teléfono do museo (981 585 159) os días de apertura.
Esta actividade dos “Venres Troianos” púxose en marcha o pasado mes de maio con grande éxito de público, o que obrigou aos seus promotores a ampliala ás datas estivais. Son roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao propio museo.
“Con esta iniciativa buscamos dar a coñecer o museo e contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Benigno Amor, vicepresidente do Padroado da Casa de la Troya-. “Pretendemos que a experiencia resulte interesante e entretida para o público de todas as idades. Precisamente as familias están a ter unha gran presenza nestes roteiros” -resalta-.
Un guía caracterizado como un dos personaxes da novela de Pérez Lugín vencella os lugares que se visitan coa trama do libro
O guía turístico Suso Martínez, historiador, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas, fai estas rutas caracterizado como un dos personaxes da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, o estudante Barcala. Combina a información cultural e histórica co humor e vencella os lugares que se visitan coa trama do libro. “Fai moi ameno o relato dos feitos históricos e facilita que os participantes se acheguen ao tempo no que transcorre a novela” -sinala Amor-.