A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar esta semana tres concertos nos centros socioculturais de Santa Marta, Vite e Fontiñas e un na Praza de Abastos

Estas actuacións, que son gratuítas ata completar o aforo, buscan achegar a orquestra e a música clásica a novos públicos

 

Levará a batuta o director titular da agrupación, Paul Daniel

 

A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar esta semana tres concertos nos centros socioculturais de Santa Marta, Vite e Fontiñas e un na Praza de Abastos. Estas actuacións, que serán gratuítas ata completar o aforo, buscan achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As citas serán o mércores 13 en Santa Marta (sala Agustín Magán), o xoves 14 en Vite e o venres 15 en Fontiñas; todas elas ás 20:00 horas. Ademais, o venres, ás 13:00 horas, a nave 5 da Praza de Abastos acollerá un concerto da agrupación.

O público poderá gozar con varios fragmentos da “Sinfonía nº 7” de Beethoven e da “Música acuática” de Haendel

Os catro concertos estarán dirixidos polo director titular e artístico da agrupación, o mestre británico Paul Daniel. Nos centros socioculturais poderán escoitarse varios fragmentos da Sinfonía nº 7 de Beethoven (1770-1827), obra que o autor compuxo nun ano. Estreouse en Viena en 1813 durante un concerto de caridade para os soldados feridos na Batalla de Hanau. O propio Beethoven dirixiu a orquestra e, a pesar de que a súa xordeira xa estaba moi avanzada, a peza foi moi ben acollida pola crítica do momento. É considerada por moitos como a mellor das súas sinfonías.

Os asistentes gozarán ademais de parte da Música acuática de Haendel (1685-1759). Estreouse no verán de 1717 por petición do rei Jorge I para ser interpretada sobre o río Támesis. O concerto foi ofrecido por cincuenta músicos nunha barcaza que navegaba preto da embarcación do rei e dise que este quedou tan compracido que tivo que interpretarse tres veces durante a travesía polo río.

Pola súa parte, na nave 5 da Praza de Abastos soará tamén parte da Música acuática composta por Haendel.