A mostra destes artistas autodidactas estradenses poderase visitar ata finais de setembro
O balneario Termas de Cuntis acollerá a partir de mañá sábado, 2 de setembro, unha exposición de pintura e escultura dos irmáns da Estrada José e Manuel Tosar Asorey. A mostra “Pintura e Escultura”, aberta ao público ata finais de mes, poderase visitar todos os días en horario de 9:00 a 23:00 horas.
José e Manuel Tosar exporán no balneario unha vintena de obras de pintura e escultura. O irmán pintor, José, amosará ao público da comarca unha ducia de cadros realizados en óleo e técnicas mixtas. Presenta pinturas da súa etapa inicial de hai máis de dez anos, feitas sobre óleo e nas que se representan paisaxes e rostros, e outras obras actuais de pintura abstracta trazadas con técnicas mixtas e algunha máscara e acuarela. Manuel Tosar traerá a Cuntis dez pezas de escultura realizadas en pedra e metal.
Os artistas, que se definen a si mesmos como autodidactas, levan tempo experimentando no mundo da arte. José Tosar (1978) acumula xa anos de traballo pictórico tras os seus inicios nas clases de pintura de Baldomero Calviño na Estrada, polo que o público poderá apreciar unha evolución nas súas técnicas artísticas. Pola súa parte, Manuel Tosar (1980) segue a profundar na escultura e actualmente estase a formar na Escola de Canteiría de Poio.