Cáritas Interparroquial de Santiago investiu 430.000 euros, produto de doazóns, no campamento da praia da Arnela (Porto do Son). As colonias, que comezaron este mes unha vez finalizadas as obras, distribúense en quendas de nenos pequenos, medianos e maiores

Cáritas Interparroquial de Santiago estreou este agosto instalacións renovadas das súas colonias na praia de Arnela (Porto do Son). Fixo un investimento de 430.000 euros, case todo produto de doazóns senlleiras nos últimos anos. Os pavillóns escalonados monte arriba reformáronse completamente por dentro, cambiouse a distribución –aumentando as prazas de 66 a 78– e se acometeu o illamento das humidades, ademais de incorporar mobiliario, ventás e duchas novos. Tamén se fixo nova a escaleira exterior que corre polo medio dos dous grupos de edificios, dividida á súa vez en zona de paso e de gradas para sentar. O proxecto, adaptado para discapacitados, está asinado polo estudio santiagués 2es+ http://dosesmas.es/?page_id=2238

A remodelación do conxunto, agora encalado por fóra, era unha necesidade “imperiosa”, segundo explica o director da Interparroquial, José Antonio Beiroa. “A obra –engade– era moi necesaria para pór o campamento en condicións aceptables de habitabilidade. Só quedaron os muros externos e fixemos un deseño interior completamente novo. Pero se tardou porque houbo que actualizar toda a tramitación administrativa e obter os permisos e licenzas correspondentes. De feito, aínda nos queda pendente unha parte do proxecto que afecta ao edificio exento onde temos a cociña e o comedor”.

As quendas de colonias este verán abríronas os pequenos, agora están os maiores e o venres rematan cos medianos. Neste momento gozan alí durante sete días 64 nenos de catorce a dezasete anos, que están acompañados por 10 monitores voluntarios, así como un enfermeiro e dous cociñeiros contratados como profesionais. O director do campamento, Manuel Quiroga, indica que, ademais de gozar da magnífica praia e das espectaculares vistas, se fan actividades de ocio e tempo libre, dinámica de grupos, manualidades e xogos. “Os rapaces pásano moi ben e agora disfrutamos dun confort magnífico coas instalacións reformadas”, segundo destaca o voluntario acreditado.