O VII Festival Internacional Peregrinos Musicais, destinado a apoiar a novos talentos, clausúrase este luns en Santiago
A batuta levaraa o director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave
O VII Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos e doutros países, clausúrase este luns, 17 de xullo, como é habitual, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos noveis de Galicia e tamén procedentes de Canadá e Rusia. Esta cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.
Do total dos 34 mozos que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles de entre 11 e 21 anos de idade, escolléronse a cinco para intervir como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos Carla Gómez, clarinetista da Coruña de 11 anos; e Petre Abraham Smeu, violinista compostelán residente en Sigüeiro (Oroso), de 15 anos. Ademais, procedentes de Rusia participarán o clarinetista Daniil Serdyukov e a xove pianista Sophia Voronina, de tan só 11 anos. De Canadá contarase con Johann Derecho, de orixe filipina, ao piano.
Dous novos talentos galegos
A xove clarinetista coruñesa Carla Gómez será a encargada de abrir o concerto. Comezou a estudar música aos cincos anos. Con tan só 11 anos realiza unha xira por Galicia como solista coa Orquestra de Clarinetes Mestre Mateo. A pesar da súa corta idade, xa recibiu numerosos premios en certames nacionais e internacionais en Italia, Nova York, Berlín, Londres, Portugal e Praga.
Pola súa parte, o violinista Petre Abraham Smeu empezou a estudar violín aos catro anos. Estase a formar na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago e tamén en Alemaña. Obtivo varios galardóns en concursos nacionais e, no eido internacional, conseguiu o primeiro premio no Grand Prize International Competition de París, o primeiro posto no Concurso Internacional de Música en Fundão (Portugal) e o segundo premio do eMuse International Competition en Atenas. Aos 12 anos debutou como solista coa Orquestra Vigo 430 e posteriormente tocou na Opéra Bastille de París.
A primeira experiencia tocando cunha orquestra profesional
A directora artística deste certame de música clásica é a pianista rusa afincada en Santiago Ilona Timchenko. Salienta que “a través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a xoves promesas que moi pronto serán profesionais da música. É un xeito de poñer ao seu alcance grandes escenarios. Gozan dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra de tanto prestixio como é a Real Filharmonía de Galicia”. Así, para a maioría dos rapaces será a primeira vez que toquen cunha orquestra profesional, o que “representa un paso moi importante na carreira de calquera músico”.
Obras para clarinete, violín e piano
No transcurso da actuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar parte do Concerto para clarinete do compositor italiano Saverio Mercadante, parte do Concerto para violín de Felix Mendelssohn, Canzone para clarinete e orquestra de corda de Serguéi Tanéyev, parte do Concerto para piano de Haydn e varios fragmentos do Concerto para piano nº 4 de Beethoven.