Once aspirantes preséntanse á praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia

No tribunal, presidido polo director titular da orquestra, Paul Daniel, están representadas outras dúas orquestras sinfónicas

En xullo valoraranse os méritos dos candidatos e o 14 de setembro terán lugar as entrevistas persoais, no Auditorio de Galicia

 

O Consorcio de Santiago está a avanzar no proceso selectivo para cubrir a praza de director técnico da Real Filharmonía de Galicia (RFG). Xa se fixo pública a relación definitiva de admitidos -aínda que con carácter de confidencialidade- e, dos 11 aspirantes que se presentaron á convocatoria, finalmente resultaron todos admitidos.

Por outro lado, tamén se fixo pública a composición do tribunal que avaliará aos candidatos. Estará composto por un total de nove integrantes, ademais do secretario (sen voz e sen voto) e cadanseu suplente. O presidente será o director titular da orquestra, Paul Daniel. Os vogais serán a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia; a coordinadora de actividades externas da AGADIC, María Paredes; a xerente da Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias e presidenta da Asociación Española de Orquestas Sinfónicas (AEOS), María Jesús Mateo; o director-xerente da Fundación Baluarte (Goberno de Navarra), Félix Palomero; a secretaria-interventora da Orquestra Sinfónica de Galicia, Olga Dourado; o director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Xosé Paulo Rodríguez; e, en representación dos traballadores da Real Filharmonía de Galicia, María del Carmen Lorenzo e José Vicente Faus. O labor de secretaria, sen voz e sen voto, recaerá na arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga.

O tribunal reunirase, como mínimo, dúas veces, sempre baixo a presidencia do director titular da orquestra, Paul Daniel. A primeira será ao longo deste mes de xullo para realizar a valoración de méritos de cada un dos aspirantes. E o 14 de setembro terán lugar as entrevistas persoais, no Auditorio de Galicia. O mesmo día, unha vez rematadas as entrevistas, levarase a cabo a proba de coñecemento do galego para aqueles candidatos que non presentaran acreditación de ter superado o Celga 4 ou equivalente.

Na anterior convocatoria, que tivo lugar en 2016, o tribunal deixara a praza deserta, debido a que os aspirantes presentados non alcanzaran o nivel desexado.