A cultura urbana encherá esta fin de semana as rúas de Porto do Son con actividades deportivas e artísticas

O Rompetiño Jump contará cun espazo musical gratuíto no que actuarán os rapeiros Kidd Keo e Erin e o grupo noiés Jkayser & Stakas, mañá a partir das dez da noite 

As competicións comezarán mañá coas piruetas de breakdance e as acrobacias nas bicis BMX

A vila de Porto do Son celebrará mañá sábado-8 e domingo-9 a segunda edición de Rompetiño Jump, unha mostra de estética e cultura urbana que abrangue manifestacións artísticas, deportivas e de lecer e que pretende consolidar o estilo de vida urbana nun contorno rural e costeiro. O evento está organizado pola marca de roupa deportiva Rompiente Clothing- RP Team, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, Vella Escola Cultura Urbana de Galicia e o Club Ciclista Sonense, ademais de contar co patrocinio do Concello de Porto do Son, a empresa cervexeira Mahou e Galicia Calidade.O Rompetiño Jump contará con concertos gratuítos na noite de mañá sábado, a partir das 22:00 horas na zona do porto. Actuarán dous rapeiros xa consolidados, o alicantino Kidd Keo –rookie do ano 2016 en España que interpreta temas de trap– e o rapeiro Erin, compoñente do grupo compostelán de rap, ragga e dancehal Comando Katana, que darán a alternativa a un novo talento musical de rencente creación, o grupo noiés Jkayser & Stakas. A organización ten prevista unha afluencia de mil persoas. 

A actividade deportiva comezará o sábado coa proba de danza urbana ou breakdance, que se organiza baixo a dirección técnica de Vella Escola. As dezaséis mellores parellas de Galicia competirán por eliminatorias nesta proba puntuable para o campionato galego de breakdance. Outra competición que levanta gran expectación entre o público é a proba de bicicleta acrobática BMX, que nesta edición do Rompetiño contará con cincuenta participantes. Ambas competicións celebraranse mañá sábado na zona portuaria, os adestramentos de 12:00 a 13:00 horas e a competición de 16:00 a 20:00 horas. 

O principal evento deportivo será a proba de descenso en bici (DH), última puntuable na tempada do Open de Galicia de Descenso, coorganizada coa Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista Sonense. A carreira, que se celebrará o domingo coa participación de aproximadamente un cento de corredores, consiste nunha baixada cronometrada en bicicleta por monte e rúas na que os competidores deberán baixar no menor tempo posible superando diferentes saltos e obstáculos. Os adestramentos terán lugar entre as 10:00 e as 13:30 horas e a carreira celebrarase pola tarde, entre as 15:30 e as 19:00 horas.

Os tres primeiros clasificados nas competicións de breakdance e BMX acrobática terán a súa recompensa. O gañador de cada proba recibirá 200 euros, máis material e roupa deportiva, ademais dunha noite de hotel para dúas persoas. Igualmente, o segundo clasificado conseguirá un premio de 75 euros, ademais de material e roupa deportiva e a noite no hotel. E o terceiro clasificado de cada competición será gratificado con 50 euros, e o resto de obsequios.

Os premios en metálico da proba de descenso en bici serán os correspondentes ao Open de Descenso para os dez primeiros clasificados en categoría masculuna e feminina (1º 60 euros; 2º 40 euros; 3º 30 euros; 4º 25 euros; 5º e 6º 20 euros; 7º e 8º 15 euros; e 9º e 10º 10 euros). As medallas para as competicións do Rompetiño están feitas por ReGalicia con madeira de pino vermello e coiro de vaqueta galega de curtido vexetal.

Ademais, o Rompetiño contará coa presenza de grafiteros de prestixio que realizarán unha fermosa presentación en vivo do seu traballo. A exhibición de arte urbana correrá a cargo dos grafiteiros do programa “Luar” da TVG, integrados no colectivo Vella Escola Cultura Urbana de Galicia.

Talleres de parkour e surf para os máis pequenos

Os nenos e nenas máis pequenos tamén terán a oportunidade de participar no Rompetiño. A organización celebrará talleres de parkour, en colaboración coa Vella Escola, e de surf, con apoio de Río Sieira Surf Club, o sábado e o domingo. O parkour é unha disciplina que consiste en desprazarse por calquera contorno, salvando obstáculos e usando as habilidades do propio corpo, procurando manter o equilibrio, adaptación, sincronización, ritmo, reacción e orientación, para desenvolver as capacidades físicas básicas de forza, velocidade, resistencia e flexibilidade. Os monitores de Río Sieira Surf Club acompañarán en dúas sesións matinais aos rapaces que se apunten o seu taller de iniciación ao surf.

Transmisión profesional polo Facebook e pantalla xigante no porto 

O representante de Rompiente Clothing  e un dos organizadores do Rompetiño Jump, Francisco Alvite, explica que se realizará unha transmisión profesional en directo polo Facebook (https://www.facebook.com/rompetinojump/), con posibilidade de conexións coas televisións locais para o seguimiento da proba, con entrevistas a corredores e público, e espectaculares imaxes rexistradas polos drones que voarán en Porto do Son.

Ademais, a organización colocará unha pantalla xigante na zona portuaria para poder seguir con comodidade o percorrido do descenso. A pantalla será de 24 m2, cunhas dimensións de 6×4 e situada a nove metros de altura para ofrecer visibilidade a todo o público.