A publicación conta cun caderno de arte dedicado a Isaac Díaz Prado, unha homenaxe a súa prolífica vida e obra
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presentou hoxe o número 23 da revista “Galegos”. O acto, enmarcado nas actividades do ciclo Martes das Artes, foi presentado polo vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Celestino García Braña, o deseñador e académico numerario da Sección de Artes da Imaxe, Xosé Díaz Arias de Castro, e o editor de Ézaro Ediciones, Alejandro Diéguez.
Neste número, a publicación dedica o seu caderno especial de arte á vida e obra do polifacético artista Isaac Díaz Pardo, un traballo que asinan Xavier Seoane, Fernando Arribas, Teresa Pena, Andrés Varela, Daniel Beiras, Camilo Díaz, Francisco Díaz-Ferros, Alonso Montero, Ramón Villares, Xosé Díaz e Esperanza Mariño. Máis de 50 páxinas ilustradas cunha selecta representación das súas obras, que deixan ver a dilatada e intensa actividade que tivo o artista ata o final dos seus días. A publicación quere así render homenaxe a Isaac Díaz Pardo cando se cumpren cinco anos do seu falecemento e, dalgunha maneira, contribuír a que siga vivo o inmenso legado que nos deixou na súa prolífica vida como deseñador, ceramista, pintor ou escritor.
Aínda que o caderno de arte é o eixo central da publicación, podemos gozar tamén doutros contidos. Na sección de entrevistas, repasamos a vida e a traxectoria profesional do profesor Manuel Sánchez Salorio, pai da oftamología galega e un dos mellores faros de pensamento e a cultura desenvolvidos en Galicia. Faise unha aproximación á obra do coruñés Víctor Sánchez-Rúa, un pintor capaz de retratar a cotidianidade nos seus cadros e que impulsou unha nova técnica artística, a pintura estereoscópica. Lémbranse os anos de esplendor da Fábrica de Tabacos da Coruña, motor económico da cidade e referente do traballo feminino no século XIX. A Ribeira Sacra e a obra de Sergio Portela, son as outras dúas crónicas que ocupan as páxinas da revista. A entrevista a Jorge Lemus, ministro da Saúde de Arxentina, o V Centenario da Reforma Protestante ou un percorrido polas cavilaciones da cervexa na literatura, completan o número.
Galegos nace no ano 2008 co compromiso de facer máis visible a realidade de Galicia desde unha perspectiva plural e realista sen ningún tipo de segmentación ideolóxica. Editada en galego e en castelán, esta publicación, que conta xa con 23 números, pretende conxugar nas súas contidos tradicións, folclore e cultura popular cos novos valores emerxentes no ámbito empresarial, artístico, científico ou culinario, contribuíndo á transversalidade cultural así como a referendar e apoiar un desenvolvemento de vangarda.