Organízase unha proba de trail con 28 quilómetros, un mini trail e dúas andainas polos montes do concello
As inscricións nas camiñadas e na fila 0 terán un fin solidario, destinado a axudar ao corredor Marcos Cidras, que recentemente sufriu lesións medulares tras un accidente laboral
O balneario Termas de Cuntis patrocina o “V Trail de Montaña Vila de Cuntis”, organizado polo Club de Montaña Xesteiras. A carreira celebrarase o vindeiro domingo, 2 de xullo, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis. A saída será ás 9:00 horas e polo momento a carreira conta con 292 inscritos nas modalidades de fila 0 (39 participantes), trail (74 participantes), mini trail (61 participantes) e dúas andaina (118 participantes).
A proba de trail terá un percorrido aproximado de 28 quilómetros e discorrerá por parte dos montes de Cuntis: A Louriña, Xinzo, Rebordelo, Laxos, O Pazo, Mesego, A Hermida, Sevil, Cequeril e Vilar de Mato, acumulando un desnivel positivo de 1.560 metros aproximadamente. Poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 18 anos, ata un máximo de 300 participantes, repartidos nas seguintes categorías: absoluta (masculina e feminina), veteranos de 45 ou máis anos e veteranas de 40 ou máis anos. A inscrición para o trail estará aberta ata o 29 de xuño a través da web https://championchipnorte.com. A inscrición da dereito a participar na proba, seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil, bolsa do corredor, avituallamentos, duchas, aloxamento no pavillón municipal de Cuntis, comida postcarreira e servizo de gardería con animadores titulados.
O percorrido estará sinalizado con cinta de plástico de cor azul, sendo obrigatorio o paso polos controis establecidos. Os participantes que sobrepasen as 3 horas 45 minutos no paso polo Alto do Cadavo (km 15 aproximadamente), deberán retirarse da proba xa que nin a organización nin os servizos de asistencia poden garantir a súa cobertura. Ademais, os “corredores escoba” ou responsables de cada control terán potestade para retirar da proba a calquera corredor/a si o seu tempo en carreira ou o seu estado de saúde así o aconsella. Haberá cinco avituallamentos líquidos, máis ou menos cada cinco quilómetros, e tres avituallamentos sólidos nos km 10, 15 e 20, máis o de meta que será líquido e sólido.
Entregarase unha cesta de produtos típicos da zona aos tres primeiros de cada categoría e tamén para o mellor equipo, ademais de entradas para o balneario Termas de Cuntis. Para esta clasificación por equipos, teranse en conta os tempos dos cinco primeiros clasificados de cada equipo (mulleres ou homes) que participen no trail.
III mini trail Vila de Cuntis e andaina
A terceira carreira de mini trail Vila de Cuntis comezará tamén ás 9:00 horas, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis. Terá un percorrido aproximado de 17 quilómetros e discorrerá por parte dos montes de Cuntis: A Louriña, Xinzo, Rebordelo, Laxos, O Pazo, A Hermida, Cequeril, Sevil e Vilar de Mato, acumulando un desnivel positivo de 700 metros aproximadamente.
Poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 18 anos, ata un máximo de 300 participantes. Os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa maior que se fará responsable del, que en todo caso deberá estar previamente inscrito. Entregarase un lote de regalos aos tres primeiros homes clasificados e ás tres primeiras mulleres clasificadas do mini trail.
Finalmente as andainas, unha longa de 16 quilómetros e a curta de 9 quilómetros, que serán probas non competitiva nas non habéra premios. As inscricións para o mini trail e a andaina estarán abertas ata 30 de xuño a través da web https://championchipnorte.com.
O recaudado coa inscrición da fila 0 e as andainas será doado para axudar ao corredor do Coutadas Racing Team, Marcos Cidras (Nigrán, 1972) que quedou en cadeira de rodas tras sufrir lesións medulares nun accidente laboral este mesmo ano.