Celebraranse o sábado-8 na zona portuaria de Porto do Son, os adestramentos de 12:00 a 13:00 horas e os torneos de 16:00 a 20:00 horas
Haberá obradoiros para os máis pequenos de parkour e surf durante toda a fin de semana
A vila de Porto do Son celebrará os días 8 e 9 de xullo a segunda edición de Rompetiño Jump, unha mostra de estética e cultura urbana que abrangue manifestacións artísticas, deportivas e de lecer e que pretende consolidar o estilo de vida urbana nun contorno rural e costeiro. O evento está organizado pola marca de roupa deportiva Rompiente Clothing- RP Team en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, Vella Escola Cultura Urbana de Galicia e o Club Ciclista Sonense, ademais de contar co patrocinio do Concello de Porto do Son, a empresa cervexeira Mahou e Galicia Calidade. A organización estima unha participación de arredor de trescentas persoas nas diferentes actividades e teñen en previsión reunir a unhas dez mil persoas na localidade mariñeira.
O Rompetiño Jump contará cunha proba de danza urbana ou breakdance, que se organiza baixo a dirección técnica de Vella Escola e puntúa para o campionato galego de breakdance, na que as dezaséis mellores parellas de Galicia competirán por eliminatorias. Enfrontaranse dúas parellas na modalidade de competición “Breaking The Beat” (unha parella contra outra).
Outra competición que levanta gran expectación entre o público é a proba de bicicleta acrobática BMX, que nesta edición do Rompetiño contará con cincuenta participantes. Trátase dunha modalidade urbana de bicicleta onde os competidores deberán sumar a máxima puntuación coas súas manobras. Serán probas eliminatorias por rondas de dous minutos.
Ambas competicións celebraranse o sábado-8 na zona portuaria, os adestramentos de 12:00 a 13:00 horas e a competición de 16:00 a 20:00 horas. O prazo de inscrición para as probas de breakdance e BMX estará aberto ata a mesma mañá do sábado, aínda que a organización recomenda aos interesados facer a solicitude de maneira previa a través do correo electrónico rompetinojump@gmail.com.
Salto de obstáculos
Os nenos e nenas máis pequenos tamén terán a oportunidade de participar no Rompetiño. A organización celebrará talleres de parkour, en colaboración coa Vella Escola, e de surf, con apoio de Río Sieira Surf Club, o sábado e o domingo. O parkour é unha disciplina que consiste en desprazarse por calquera contorno, salvando obstáculos e usando as habilidades do propio corpo, procurando manter o equilibrio, adaptación, sincronización, ritmo, reacción e orientación, para desenvolver as capacidades físicas básicas de forza, velocidade, resistencia e flexibilidade.
Os monitores de Río Sieira Sufg Club acompañarán en dúas sesións matinais aos rapaces que se apunten o seu taller de iniciación ao surf. Os interesados en participar deben inscribirse a través do correo electrónico servalbro@gmail.com.