A Cámara inicia a semana formativa Pre-Solve, un proxecto europeo de asesoramento personalizado para empresas interesadas en mellorar a súa xestión

Celebraranse cursos do luns 26 ao venres 30 sobre estratexias de negociación, financiamento e vendas 

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará do 26 ao 30 de xuño a semana formativa Pre-Solve, un programa europeo que ten como obxecto ofrecer apoio a medida a emprendedores e empresas, poñendo a súa disposición asesoramento personalizado para determinar unha estratexia de actuación, formación para fortalecer a capacidade do emprendedor e empresa, e ferramentas de xestión para a mellora da empresa con análises administrativos e de custos.

Os interesados en participar neste programa gratuíto deben poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago para pedir cita e someterse a un diagnóstico inicial do seu negocio, inscribirse no itinerario formativo ou solicitar as ferramentas de xestión que sexan do seu interese.

Os cursos formativos celebraranse na sede da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo) entre as 9:00 e as 11:00 horas e os alumnos poderán elexir os cursos que lles interesen. A sesión do luns-26 estará enfocada á análise da capacidade de negociar, sempre con mentalidade competitiva. O martes-27 ofreceranse as claves para mellorar a situación financeira, o mércores a formación centrarase nas técnicas de vendas, o xoves explicaranse as claves para coñecer o contorno e aos posibles clientes, e o venres-30 pecharase a semana cunha sesión para facer que o negocio camiñe cara a metas ilusionantes, sempre superando obxectivos retadores. Todos os participantes recibirán un certificado de asistencia.

Este proxecto europeo está coordinado pola Asociación Europea de Cámaras de Comercio e Industria (Eurochambres) e executado por catorce Cámaras de Comercio de oito países europeos.

Punto de información do proxecto europeo Pre-Solve na Cámara de Comercio de Santiago: Belén Mendoza; 981596800; proyectos@camaracompostela.com 

Inscricións: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&p=210#.WUOqVeuLSH0