Porto do Son acolle unha nova edición de Rompetiño Jump o fin de semana do 8 e 9 de xullo

 exhibición de estética e cultura urbana naceu o pasado verán como unha iniciativa educativa e de emprendemento no medio rural

A vila mariñeira de Porto do Son celebrará en xullo a segunda edición de Rompetiño Jump, unha mostra de estética e cultura urbana que abrangue manifestacións artísticas, deportivas e de lecer. Participarán arredor de trescentas persoas nas diferentes actividades, mentres que a organización espera reunir a unhas dez mil persoas na localidade coruñesa.

O acontecemento, que se celebrará os días 8 e 9 de xullo, está promovido por Rompiente clothing, unha marca de roupa deportiva que se creou como iniciativa social, segundo explica Francisco Alvite, un dos seus responsables. “A festa participativa que é Rompetiño, un dos máis importantes eventos de cultura urbana de Galicia, pretende agradecer ao pobo do Son o seu apoio á hora de consolidar esta iniciativa educativa e de emprendemento no eido rural mercando a nosa roupa”, engade.

Rompetiño Jump programa tres probas senlleiras. A máis importante é o Descenso en bici (DH), na que participará un cento de corredores, xa que é a última proba do Open galego de descenso. Pola rede social Facebook farase unha transmisión profesional e colocarase unha pantalla grande na zona para poder seguila mellor. Outra das probas significativas é a celebración dentro do programa do Campionato Galego de Breakdance, na que competirán unhas 16 parellas. E a terceira é unha exhibición de bicicleta acrobática (BMX), na que se prevé a participación de medio cento de ciclistas.

O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Porto do Son, Mahou e Galicia Calidade, programa tamén concertos, graffiti e skate, entre outras actividades. 

Ver programa: https://rompienteblog.wordpress.com/contacto/ 

https://www.facebook.com/rompetinojump/videos/633776926832321/

https://www.facebook.com/rompetinojump/videos/645980872278593/

http://rompienteclothing.com/index.php