“Tratar de replicar computacionalmente un cerebro humano pode non ser a mellor vía para obter a superintelixencia das máquinas”
Impartirá mañá unha conferencia na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, ás 20:00 horas
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará mañá mércores, 14 de xuño, unha nova conferencia do seu ciclo anual destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando a personaxes de gran relevancia nos diferentes ámbitos. O investigador da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do CiTIUS da Universidade de Santiago (USC) e director xeral de RedEmprendia, Senén Barro (As Pontes, 1962), ofrecerá una conferencia titulada “Como vai cambiar a túa vida a intelixencia artificial?”, que presentará ás 20:00 horas o vicepresidente da entidade, Evaristo Rodríguez.Segundo Barro, a intelixencia artificial é unha disciplina científica –busca saber– e tecnolóxica –busca facer– relativamente recente. Volvendo as súas orixes, Senén Barro explica que o termo acuñouse en 1956, pero nos últimos anos estase acelerando o ritmo do seu desenvolvemento e das súas achegas. “As máquinas xa son capaces de superarnos en moitos dominios ou tarefas concretas, xogando ao xadrez e outros xogos aínda máis complexos, facendo cálculos ou razoamentos lóxicos ou ensamblando dispositivos. Aínda estamos a décadas de alcanzar unha intelixencia artificial comparable á nosa, o que podería considerarse o fito máximo no campo. Se chegamos a esa superintelixencia, as máquinas xa nos superarían á carreira porque terían unha capacidade exponencialmente crecente para deseñar a súa vez outras máquinas aínda mais intelixentes” –sinala–.
O experto indica que actualmente o ser humano pode deseñar con gran rapidez máquinas cada vez máis potentes e capaces e con obxectivos moi concretos. Apunta que, igual que non é necesario simular o voo dos paxaros, tratar de “replicar” computacionalmente un cerebro ou mente humanos pode non ser a mellor vía para obter a superintelixencia.
“Os avances en intelixencia artificial neste momento están sendo espectaculares”. Con esta afirmación rotunda, Barro pon de exemplo a realidade actual dos coches autónomos, que xa circulan en algunhas cidades e que só quince anos atrás parecían inalcanzables en trinta anos ou máis, aínda que considera que nunca se conseguirá unha aproximación a unha intelixencia próxima á humana se non se producen avances moi significativos nas capacidades das máquinas para aprender.
Ademais, Senén Barro explica que os robots non pensan no sentido humano, pero si son capaces de facelo no sentido práctico ou da utilidade que asociamos a pensar, como a capacidade de razoar, chegando a conclusións novas a partir de información ou feitos coñecidos. “Cada vez máis, as máquinas poden sentir, xa que son capaces de percibir a contorna a través dun número crecente de sensores e actuar en consecuencia. De feito, sentir resulta imprescindible para ter autonomía, algo moi importante para deseñar robots realmente complexos e competentes” –manifesta–.
En Galicia, Senén Barro indica que hai grupos destacados en intelixencia artificial nas tres universidades galegas. O grupo que el mesmo dirixe, Sistemas Intelixentes do CiTIUS, fai unha investigación de alta calidade e preocúpase pola transferencia dos seus resultados. Por exemplo, Meteogalicia conta desde maio de 2015 cun servizo que aporta diariamente á cidadanía o relato en texto da predición do tempo para cada un dos concellos galegos, información proporcionada por un programa informático que deseñou o grupo en colaboración con meteorólogos. Tamén os resultados de investigación do grupo permitiron crear nos tres últimos anos dúas spin-off, Situm e Imagames.
Segundo un estudo recente, unhas 2.000 actividades desenvolvidas en 800 ocupacións ou profesións distintas poderíanse automatizar ao 45%
A intelixencia artificial foi evolucionando desde unhas primeiras aproximacións máis centradas en intentos de modelar o pensamento humano, como vía para avanzar tanto no coñecemento do cerebro como para desenvolver máquinas capaces de imitalo. A día de hoxe, Senén Barro asegura que vivimos unha aproximación moito máis “práctica e utilitarista” que busca desenvolver sistemas cunha maior intelixencia, con maior autonomía, con capacidade de aprender e, en moitas ocasións, buscando dar solución a problemas reais. “O exemplo máis evidente –sinala Barro– dase na robótica, onde se están producindo avances espectaculares en locomoción, percepción e interacción co medio ou en autonomía para operar en contornas complexas e dinámicas”.
En canto á evolución das máquinas e a súa repercusión no ámbito laboral, Barro comenta que xa nas pasadas revolucións industriais a mecanización e organización do traballo tiveron un enorme impacto nas tarefas máis sistemáticas e de carácter manual, por exemplo no sector automobilístico. Actualmente coa computarización da sociedade e a intelixencia artificial, o experto sinala que se están automatizando tarefas máis complexas, non sistemáticas. Senén Barro fai referencia a un estudo recente da consultora McKinsey no que se analizan unhas 2.000 actividades desenvolvidas en 800 ocupacións ou profesións distintas, onde se pon de manifesto que coas capacidades actuais a nivel científico-tecnolóxico poderíanse automatizar o 45% de ditas actividades. “Se aínda non o están é por razóns de custe, sociais ou legais, pero máis pronto que tarde o estarán a maioría” –apunta–.