Grazas á restauración do inmoble de Palas de Reis puídose documentar a primeira construción prerromana, o subministro de auga, con pozo e alxibe, ou as diversas fases construtivas
Mario Crecente: “O castelo representa un fito na arquitectura defensiva medieval galega”
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 13, a conferencia “Restauración do Castelo de Pambre (Lugo)”, ás 20:00 horas, dentro das súas actividades do ciclo Martes das Artes, destinado a sensibilizar e achegar o estado do patrimonio cultural á sociedade galega. A charla estará impartida polos arquitectos Mario Crecente e Jorge Salvador, autores da rehabilitación do Castelo de Pambre, obra promovida pola Xunta de Galicia, sobre un proxecto dun equipo dirixido por Crecente, e executado pola empresa Copasa, coa dirección dos dous arquitectos entre os anos 2013 e 2015.
O castelo, situado no Concello de Palas de Reis, ten a consideración de Ben de Interese Cultural en virtude do decreto xenérico de protección dos castelos españois de 1949, e atópase incluído na Zona de Respecto do Camiño Francés a Santiago de Compostela, segundo a delimitación de 2011. Mario Crecente explica que o Castelo de Pambre representa un fito tanto na “arquitectura defensiva medieval galega”, como no seu desenvolvemento histórico e na caracterización paisaxística da zona da Ulloa a que da nome a casa matriz, en directa relación co territorio histórico do camiño de Santiago francés.
O proxecto contou cun traballo previo multidisciplinar con expertos nos ámbitos da arquitectura, historia, arqueoloxía, conservación dos bens inmobles, e estudo da vexetación, así como levantamentos planimétricos con distintas tecnoloxías. Desenvolveuse en base os seguintes criterios: ampliar o coñecemento da edificación e a súa contorna; consolidar estruturalmente o monumento sen reconstrucións nin reinterpretacións, no estado que chegou ao día de hoxe; mellorar a accesibilidade no conxunto para facelo visitable; dotalo duns servizos para a súa interpretación e coñecemento dos visitantes; e finalmente, procurar uns equipamentos que contribúan a conservar o monumento.
No proceso de obra, grazas as escavacións arqueolóxicas, a investigacións históricas complementarias, e o estudo detallado dos paramentos, puidéronse descubrir elementos clave para o conxunto como documentar a primeira construción prerromana; o subministro de auga, con pozo e alxibe; ou as fases construtivas que identificamos como sete diferentes.
Para unha comprensión histórica da súa xénese, recoméndase a lectura da novela “O castelo de Pambre” de Antonio López Ferreiro de 1895, e para unha apreciación da obra, e incitación á visita “Castillo de Pambre”, editado por Crecente asociados en 2016. O castelo, xestionado polo Concello de Palas de Rei, atópase aberto o público de luns a domingo.