Ofrecerá apoio ata o mes de novembro e impartirá cinco seminarios, dentro do marco do proxecto europeo Pre-Solve
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela pon en marcha un servizo gratuíto de asesoramento personalizado para empresas, financiado polo programa europeo Pre-Solve de intercambio de boas prácticas na mellora na xestión do seu negocio coa finalidade de incrementar a súa competitividade.A Cámara programará ata o mes de novembro cinco seminarios formativos gratuítos para profesionalizar a xestión das empresas coa finalidade de mellorar as súas capacidades e incrementar a súa competitividade. Ademais, ofrecerá un servizo de asesoramento personalizado e individualizado ás empresas que o soliciten.
O proxecto Pre-Solve ten como principal obxecto ofrecer apoio a medida aos emprendeores e ás empresas poñendo ao seu dispor ferramentas de apoio para mellorar a súa xestión. En concreto, búscase ofrecer aos empresarios acceso a unha análise da súa situación económico-financeira e empresarial. Ademais, ofrecerase apoio a medida en distintos niveis: financeiro, legal, estratéxico, comercial, e psicolóxico. Tamén se traballará no desenvolvemento dun plan para unha segunda oportunidade empresarial.
Este proxecto europeo está coordinado pola Asociación Europea de Cámaras de Comercio e Industria (Eurochambres) e executado por catorce Cámaras de Comercio de oito países europeos.