Son un total de catorce rapaces que tocan o violín e o violoncello
Interpretarán obras individuais e de conxunto, baixo a batuta do director da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago, préstalle unha atención especial á formación musical dos máis pequenos. Este ano académico celebrouse unha nova edición do curso de corda para nenos, centrado nas especialidades de violín e violoncello. Búscase así que as xeracións máis novas de músicos teñan a oportunidade de mellorar os seus coñecementos e a práctica en relación a estes instrumentos.
Como broche final do curso, que comezou en novembro de 2016 e acaba este mesmo mes de maio, os alumnos protagonizarán un concerto este sábado, día 20, no auditorio do propio centro. A cita será ás 12:30 horas e a asistencia é gratuíta ata completar aforo.
Na primeira parte do concerto, os rapaces, todos eles con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos, interpretarán obras individuais para o seu instrumento, acompañados pola pianista Haruna Takebe. Tocarán pezas de diferentes épocas e estilos, entre elas composicións de Haydn, Bach, Beriot, Massenet, Fiocco, Bréval, Baklanova, Küchler, Romberg, Komarovski, Sarasate, Paganini, Schumann e Ysaye; ademais dunha canción de berce do folclore inglés.
Na segunda parte do acto, os xoves músicos integrarán unha orquestra de cámara. Xuntos achegarán ao público a Suite of the day de Hilary Burgoyne. Levará a batuta o mestre coruñés Jorge Montes, actual director da Orquestra de Nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e profesor de violín no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Formado en Holanda e Italia, ten ofrecido concertos por toda Europa, Asia e Sudamérica.
A través desta iniciativa os alumnos terán a oportunidade de demostrar o que aprenderon ao longo do curso, apoiados polos seus profesores, na súa maioría músicos da Real Filharmonía de Galicia.