“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a que inclúa a Podoloxía na Carteira Básica do Sistema Nacional de Saúde, dotándoa dun financiamento xusto e necesario para a súa posta en marcha e desenvolvemento”

Así reza o texto aprobado pola Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego celebrada o 11 de maio no Hórreo

O Colexio de Podólogos de Galicia celebra este “primeiro paso” como o principio dunha carreira que “necesariamente debe concluír coa a súa plena inclusión no Sergas”

A Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, con sede no compostelán pazo do Hórreo, acordou onte xoves aprobar o seguinte texto: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a que inclúa a Podoloxía na Carteira Básica do Sistema Nacional de Saúde, dotándoa dun financiamento xusto e necesario para a súa posta en marcha e desenvolvemento”.

A xunta directiva do Colexio de Podólogos de Galicia, que preside Borja Pérez Serrano, reuniuse recentemente con todos os grupos parlamentarios para expórlle as súas demandas profesionais. Solicitan a inclusión do podólogo na carteira básica de servizos do Sistema Nacional de Salud e na carteira complementaria de Galicia, así como a incorporación da categoría profesional do podólogo como persoal estatutario do Sergas.

O Colexio, que xa iniciou conversas coa Consellería de Sanidade hai uns meses, celebra este “primeiro paso” como o principio dunha carreira que “necesariamente debe concluír coa súa plena inclusión no Sergas”. Pérez Serrano explica que o obxecto desta demanda é “garantir o acceso universal da poboación” aos servizos de podoloxía para mellorar a calidade asistencial e evitar a aparición de complicacións en grupos de risco, como os diabéticos, que ademais de supoñer un deterioro da saúde do paciente, supón un custe elevado para a sanidade ao acortarse os tempos de curación coa correspondente diminución das listas de espera e dos gastos farmaceúticos e hospitalarios. O titular colexial tamén reivindica a elaboración dun documento no que se especifiquen todos os requisitos e esixencias técnicas e hixiénico-sanitarias que deben cumprir os establecementos de podoloxía para conseguir a acreditación de clínica podolóxica.

“Celebramos en 2017 o noso vinte aniversario logo de loitar sen descanso contra a lacra do intrusismo profesional, e agora cos primeiros trámites políticos efectivos cara ao noso recoñecemento profesional completo por parte das Administracións Públicas. Somos unha profesión sanitaria, acreditada por unha titulación propia que, desde a reforma de Boloña, se converteu en grao en Podoloxía”, segundo destaca.