A EAEM ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A finais de maio contarase coa presenza do aclamado clarinetista israelí Yehuda Gilad. Ademais dos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.
As clases celebraranse o luns 22 de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas; e o martes 23 de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.
Premio ao Profesor máis Distinguido outorgado pola Comisión da Casa Blanca
Yehuda Gilad é profesor no Conservatorio de Colburn de Los Ángeles. É convidado con regularidade a impartir clases maxistrais en todo o mundo. Como clarinetista consumado, ten participado nos máis prestixiosos festivais de música, e colaborado como intérprete e director de orquesta con moitos dos artistas máis prominentes.
O seu éxito como director é igual ao seu recoñecemento como intérprete e docente. Aclamado como un dos directores máis dinámicos e carismáticos, foi director artístico e musical da Orquestra Sinfónica de Colonia en Nova Jersey, da Orquesta de Colburn en Los Ángeles e da Orquestra Sinfónica de Santa Mónica. En 1987 converteuse no primeiro batuta israelí en actuar en China, e dende entón ten realizado numerosos compromisos no país asiático.
É un firme defensor da educación artística, involucrado con proxectos educativos de gran relevancia social. Ten gañado numerosos premios pola súa contribución á música, entre eles o Premio ao Profesor máis Distinguido outorgado pola Comisión da Casa Blanca, Mellor Profesor da Escola de Colburn en Los Ángeles, bolsa da Fundación Cultural Israel-América e o Premio Robert Simon en música.