O equipo, recente ascendido á Liga Asobal, poderá gozar das instalacións do balneario e aproveitar os beneficios terapéuticos das augas termais para a recuperación física dos xogadores
O balneario Termas de Cuntis renova o seu patrocinio para a tempada 2017/2018 co clube de balonmano SD Teucro, recente ascendido á Liga Asobal. O acordo pechouse onte nun encontro entre responsables da entidade balnearia e o clube pontevedrés nas instalacións termais de Cuntis, onde os xogadores do primeiro equipo gozaron dunha xornada de relax no acquaform.
Termas de Cuntis xa patrocina nesta tempada a un equipo infantil feminino de base que xoga na división autonómica da súa categoría. A sociedade balnearia figura como colaborador nas emisións en directo dos partidos do primeiro equipo da Televisión de Galicia, con vinilos sobre a pista, ademais de difundir entre os afeccionados programas informativos dos beneficios das augas mineiromedicinais de Termas de Cuntis e as características das súas instalacións.
O patrocino ampliarase para a vindeira campaña con diversas fórmulas de colaboración. O equipo SD Teucro poderá usar as instalacións do balneario para a recuperación física dos xogadores, aproveitando os beneficios terapéuticos das augas termais. Despois de longos períodos de adestramentos, as augas mineiromedicinais de Termas de Cuntis axudarán á recuperación dos deportistas antes de competir e como método de reparación física e psíquica, relaxación muscular, prevención e tratamento de lesións.