O colectivo artístico Vista Leda expón unha selección das súas pinturas no balneario Termas de Cuntis

“Unha ponte de cor entre o Deza e o Umia” reúne 25 cadros de Dosinda Alonso Pájaro, Teresa Caramés, Dolores Sangiao, Juan Liñares e Carolina Cabaleiro sobre temáticas diversas, creados con diferentes técnicas pictóricas 

Estará aberta ao público ata o 1 de xuño, en horario de 9:00 a 23:00 horas 

O colectivo Vista Leda, integrado actualmente polos artistas Dosinda Alonso Pájaro, Teresa Caramés, Dolores Sangiao, Juan Liñares e Carolina Cabaleiro, expón unha mostra de pintura no balneario Termas de Cuntis, titulada “Unha ponte de cor entre o Deza e o Umia”. A exposición, aberta ao público ata o vindeiro 1 de xuño, poderase visitar todos os días en horario de 9:00 a 23:00 horas.

Esta mostra está composta por 25 pinturas de temática heteroxénea, creadas con técnicas diversas como o óleo sobre lenzo, acrílico sobre lenzo ou debuxos de plumiña con toques de tinta china ou acuarela. O colectivo trae a súa obra ata Cuntis para amosarlle ao público destas terras bañadas polo río Umia unha pequena mostra do que se fai no eido artístico na comarca surcada polo río Deza, convertindo a exposición nunha ponte que se tende entre estes dous ríos lendarios do interior de Galicia.

Vista Leda está composto por un grupo de persoas que teñen en común a súa paixón polas artes plásticas, en especial polo debuxo e a pintura. Desde hai máis de vinte anos comparten as súas experiencias xuntándose nun lugar de encontro común: o Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira (Silleda). Aos membros fundadores (Dosinda Alonso Pájaro, Teresa Caramés, Dolores Sangiao e Juan Liñares) hai pouco tempo que se lles uniu Carolina Cabaleiro, unha nova incorporación que ben seguro non será a última. 

A temática abordada polo grupo é moi ecléctica e non semella haber un nexo de unión entre as súas obras. Neste senso, Dosinda Alonso Pájaro centra a súa produción ao redor de dous eixos fundamentais, a música e a figura humana. Carolina Cabaleiro sente especial querenza polo debuxo a plumiña e polo tema das construcións abandonadas. O resto dos integrantes do colectivo abordan temas do máis variopinto (paisaxes, figura humana, bodegóns, etc.), deixándose levar por aqueles temas que, nun momento determinado, conseguen despertar tanto o seu interese como a súa inspiración.