Publícase o primeiro vademécum das augas mineromedinais de Galicia, no que se recollen as indicacións terapéuticas da cura balnearia

Permitirá aos médicos dispoñer de información actualizada e científica sobre a súa composición e propiedades terapéuticas, o que facilitará o seu uso como alternativa eficaz ou complementaria aos medicamentos en certas doenzas 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron a publicación esta mañá na Universidade de Santiago

A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia acaba de publicar o “Vademécum das augas mineromedicinais de Galicia”.  Presentouse esta mañá na USC, coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño; a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido; o director da Cátedra e decano da facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; e o xerente da Asociación, Benigno Amor. Ademais, na presentación estiveron varios directores médicos de balnearios galegos, xunto ao presidente do Colexio Médico da Coruña, Luciano Vidán.

O doutor Gestal salientou que “as augas mineromedicinais teñen sido ao longo da historia un elemento terapéutico de primeira orde”. Nesta liña, considera que “a medicina actual debe considerar outros factores terapéuticos como as curas hidrolóxicas, que poden favorecer a natural posibilidade de recuperación do organismo. A cura balnearia é unha terapia pouco agresiva, ben tolerada, que rara vez ocasiona efectos secundarios”.

O doutor asegura que na actualidade a cura balnearia continúa sendo indiscutible como factor coadxuvante na prevención, tratamento e rehabilitación de procesos de evolución crónica como as patoloxías do aparato locomotor, entre elas o reumatismo, causante directo dun 15% do absentismo laboral en Europa. Tamén é útil para afeccións da pel, procesos inflamatorios crónicos inactivos e do aparato respiratorio e para abordar enfermidades tan frecuentes na actualidade como o estrés, a astenia ou o síndrome de fatiga crónica.

“A frecuencia das patoloxías crónicas tense incrementado nos últimos anos debido ao envellecemento da poboación como consecuencia do importante aumento da esperanza de vida, non obstante aínda hai un desfase de dez años entre esta e a esperanza de vida libre de incapacidade. E a hidroloxía médica pode xogar un papel importante na súa redución. É, sen dúbida, unha alternativa eficaz fronte a outros tratamentos, e pode mesmo ser máis efectiva, menos custosa e mellor tolerada” -afirmou o director da Cátedra-.

“As augas mineromedicinais son consideradas medicamentos naturais complexos, vencellándose os seus efectos terapéuticos ás súas cualidades físicas, químicas e biolóxicas, xunto ás vías e técnicas de administración” -sinalou Gestal-. E salientou “a enorme riqueza de Galicia, que conta con 21 centros balnearios”. 

O descoñecemento da cura termal por parte dos médicos

Ata a metade do século pasado, a hidroloxía médica formaba parte dos plans de estudos da licenciatura de Medicina. Pero os avances da farmacoloxía a partir dos anos 50 desprazárona cara a un segundo plano, deixando de impartirse nas facultades españolas. Esta situación fai que os médicos apenas teñan coñecemento da cura termal, a pesar de teren que realizar cada ano máis de 300.000 informes con indicacións de tratamentos termais aos solicitantes do Programa de Termalismo Social do IMSERSO.

“A finalidade é que a información que se recolle neste vademécum facilite aos profesionais sanitarios de Galicia elementos de xuízo axeitados sobre as posibilidades terapéuticas da balneoterapia, que permita un uso maior e máis racional deste medio terapéutico” -salientou o doutor Gestal-.

A través desta publicación ponse a disposición dos médicos información fidedigna sobre as principais indicacións terapéuticas actuais das augas mineromedicinais dos balnearios galegos, xunto ás súas contraindicacións, procedementos de aplicación e a súa disponibilidade nos diferentes centros termais da comunidade. Para a súa elaboración contouse coa axuda do profesor Francisco Maraver e dos seus colaboradores da Escuela Profesional de Hidrología Médica e Hidroterapia da Facultad de Medicina da Universidad Complutense de Madrid (profesores Francisco Armijo, Icíar Vázquez, José Manuel Ejeda e Ana Isabel Martín); Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña; xunto a Carmen Ródenas, do Laboratorio de Física Médica da Facultad de Medicina da Universidad de Cantabria.

Un total de 21 balnearios galegos e envasadoras de augas minerais naturais

O vademécum divídese en dúas partes. Na primeira estúdase, en seis capítulos, a importancia terapéutica das augas mineromedicinais, a súa clasificación e mecanismos de acción, indicacións, contraindicacións e vías e técnicas de administración, así como a situación actual da investigación en termalismo e os métodos utilizados para a súa análise. Tamén se inclúe a principal normativa legal que afecta ao sector no ámbito autonómico, estatal e europeo.

Na segunda parte recóllese información de cada un dos 21 balnearios de Galicia e das envasadoras de augas minerais naturais de Cabreiroá (Verín) e Fontecelta (Sarria). No caso dos balnearios, na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). Na provincia de Lugo están o de Guitiriz, as Termas Romanas de Lugo, Augas Santas (Pantón) e Río Pambre (Palas de Rei). Na provincia de Ourense os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño) e Cortegada. E na provincia de Pontevedra atópanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños de Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Hotel Balneario Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o Balneario de Mondariz.

De cada balneario apórtase información sobre a composición, tipo e propiedades terapéuticas das augas; principais indicacións terapéuticas, técnicas de aplicación e perfil de pacientes atendidos; así como sobre a dirección médica, períodos de actividade, instalacións hoteleiras e como contactar, xunto a un pequeno resumo da súa historia.