O columnista de El País ofrecerá a conferencia o 4 de maio, ás 20:00 horas
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro 4 de maio unha nova conferencia do seu ciclo anual. O xornalista Manuel Jabois falará ás 20:00 horas de “Galicia desde Madrid”.
Mentres Manuel Jabois (Sanxenxo, 1978) cursaba filoloxía hispánica empezou a colaborar co xornal Diario de Pontevedra. Tamén pasou por El Progreso, El Mundo e a publicación cultural Jot Down. Traballou para a revista dixital FronteraD e Onda Cero. O xornalista e escritor ingresou en El País a principios de 2015 onde publica as súas columnas con periodicidade case diaria sobre diversos temas de actualidade política e deportiva. Colabora actualmente coa Cadena Ser onde trata unha gran variedade de temas de actualidade.
Obtivo o XXIV Premio Nacional de Periodismo Julio Camba en 2003. Cinco anos máis tarde publicou a súa primeira novela titulada “La estación violenta”. En 2011, viu a luz a obra “Irse a Madrid y otras columnas” na que o xornalista recompila os seus escritos en diferentes medios de comunicación. Este libro reúne unha selección de columnas de escritas entre 2009 e 2011 e publicadas no Diario de Pontevedra, El Progreso e no seu blog da revista dixital FronteraD. Apártase dos lugares da noticia para asinar unha excelente e disparatada crónica sobre o que lle rodea.
O seu último libro é “Nos vemos en esta vida o en la otra” (Planeta, 2016), unha reportaxe no que narra a historia de Gabriel Montoya, o Gitanillo, único menor implicado nos atentados do 11-M e o primeiro condenado pola morte de máis de 192 persoas logo de que varias bombas estalasen nos trens de proximidade de Madrid en 2004. E como cursiosidade, Jabois escribiu a letra do himno da Décima Liga de Campións do Real Madrid, “Hala Madrid y nada más”.