O viola polaco Krzysztof Chorzelski impartirá clases a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado viola polaco Krzysztof Chorzelski. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o martes 9 de maio, pola mañá de 11:00 a 14.00 horas e pola tarde de 17:00 a 19:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Ademais, o recoñecido músico ofrecerá dous concertos a vindeira semana coa Real Filharmonía de Galicia, o xoves 11 no compostelán Auditorio de Galicia e o venres 12 no Teatro Jofre de Ferrol.

Profesor de viola en Londres

Krzysztof Chorzelski naceu na cidade polaca de Varsovia en 1971. Estudou no Royal College of Music de Londres. No ano 1992 gañou o Concurso Wronski de violín en Varsovia, o que o levou a dar concertos como solista por Europa e a realizar gravacións para a Radio Polaca e a BBC. Na actualidade toca nas mellores salas de todo o mundo e coas orquestras máis prestixiosas.

É profesor de viola na Guildhall Scholl de Londres. Regresa con frecuencia a Polonia para ensinar na Academia Chopin e na Escola de Música Elsner. E ofrece habitualmente clases maxistrais de viola e música de cámara en Suíza, Polonia, Romanía, Israel e Colombia.  Ademais, estudou dirección de orquestra.