Organizaranse seis conferencias sobre cine, música, pintura e arquitectura das vangardas rusas de principios do século XX
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) organizará nos meses de outubro e novembro un ciclo de conferencias sobre a arte da Revolución Soviética, que este ano celebra o seu centenario. Celebraranse seis conferencias na sede da institución (praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1. A Coruña) sobre cine, música, pintura, arte de propaganda ou arquitectura soviéticas.
A Real Academia Galega de Belas Artes considera que a arte soviética foi un movemento extraordinario, que coa subida de Stalin ao poder aminorou o seu esplendor ata acabar desaparecendo na década dos 30. Un exemplo claro deste asombroso movemento foi a tendencia construtivista que xurdiu na arquitectura que aínda hoxe ten influencias na práctica da edificación. “As vangardas marcaron o camiño da unión da arte e a vida. Esta formulación aínda segue vixente na actualidade” –explican desde a Real Academia Galega de Belas Artes–.
Explosión cultural das vangardas rusas
Trala Revolución Soviética de 1917 xorde unha variedade de artes, artistas e medios que apareceron nos primeiros quince anos despois do estalido da revolución con obras de creadores como Chagall, o pintor e creador da pintura abstracta Kandinski, o pintor Malévich creador do suprematismo intermedio entre a abstracción e o futurismo e coñecido pola súa obra “Cadro negro sobre fondo branco”, Deineka, Mujina, Samojválov, El Lisitski, Pável Filónov, Liubov Popova, o cineasta Serguéi Eisenstein, o compositor Serguéi Prokófiev ou o fotógrafo Alexandr Ródchenko. Ademais de óleos, apareceron moitos traballos en fotografía e outros tantos de pósters, cerámica, tecidos ou papeis pintados.
A comezos do século XX, en toda Europa e Rusia desenvolvéronse os movementos artísticos coñecidos como as vangardas. Pero só coa revolución bolchevique e a chegada das vangardas considérase politicamente a función social da arte. E as chamadas “vangardas históricas” (fauvismo, expresionismo, cubismo, dadaísmo e futurismo) foron o puntapé para movementos que teñen como única regla “non respetar ningunha regra”, introducindo elementos innovadores respecto ás formas tradicionais, utilizando recursos que distorsionan os sistemas aceptados de representación e expresión, coa finalidade de “unir a arte coa vida”.
Nun momento convulso onde as protagonistas eran as guerras, os artistas expresaban esta situación cunha produción artística que se caracterizaba por unha gran creatividade que cuestionou todas as convencións estéticas e introduciu novas discusións e desenvolvementos teóricos. Pero o asentamento do stalinismo foi estrangulando a creatividade artística ata decretar en 1934 o chamado “realismo socialista”, que subordinou toda produción artística aos ditados e a exaltación da crecente burocracia soviética.