Ensinará os aspectos clave nunha negociación bancaria
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará a principios de maio dos cursos de formación sobre contabilidade financeira informatizada e negociación bancaria para axudar a empresa da súa demarcación a expandir o seu negocio.
Celebrará un curso de contabilidade financeira informatizada, que impartirá a consultoría fiscal, laboral e contable C&B Asociados , entre os días 2 e 11 de maio, en horario de 19:00 a 21:30 horas nas aulas de formación da entidade. O obxecto da formación é que os alumnos e alumnas ao finalizar o curso teñan coñecementos que lles permitan levar a contabilidade integra dunha pequena e mediana empresa (peme). Está destinado a persoas con coñecementos contables que desexen realizar unha aplicación práctica dos mesmos a través do manexo dun programa informático a través do que poderán ver a casuística contable dunha empresa en funcionamento.
Taller gratuíto para a adecuación do sistema de xestión das empresas á norma de calidade ISO 9001:2015
Ademais, o 3 de maio a Cámara impartirá un seminario técnico empresarial sobre a negociación bancaria. Celebrarase entre as 17:30 e as 20:30 horas. O seu obxecto é que os alumnos coñezan a negociación bancaria desde a visión do banco para levar a cabo unha negociación máis efectiva.
Ese mesmo día, o 3 de maio, a Cámara de Comercio de Santiago organizará un taller gratuíto sobre a adecuación do sistema de xestión á norma de calidade ISO 9001:2015. Celebrarase no salón de actos da Cámara entre as 10:00 e as 11:30 horas, e estará impartido por Carmen Ripamonti, consultora do Grupo CEI.
A norma ISO 9001:2015 será obrigatoria a partir de setembro de 2018 e todas as empresas certificadas coa versión do 2008 terán que realizar o cambio antes desta data límite. Para facilitar a substitución da norma ISO 9001:2008 foi preciso un período de adaptación que se fixou entre setembro de 2015 e marzo 2017.
Ademais, a nova norma será de obrigado cumprimento para os novos certificados e a partir do pasado mes de marzo toda auditoría inicial realizarase conforme á versión do 2015. Igualmente será obrigatorio para as empresas xa certificadas, posto que a partir de setembro de 2018 todas as empresas deberán ter realizada a súa auditoría de certificación segundo a nova norma.
No taller falarase da evolución do encauzamento da calidade, tanto do control do produto como da xestión integral da calidade ou calidade total. Tamén se fará balance das normas ISO anteriores, desde a norma ISO 9001:1987 ata a actualidade. Esta nova norma ISO 9001:2015 é unha gran renovación e adáptase ás novas necesidades das organizacións.