O recoñecido oboísta alemán Stefan Schilli formará a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza co óboe

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado oboísta alemán Stefan Schilli. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o martes 2 de maio pola tarde, de 15:00 a 19:00 horas; e o mércores día 3 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Con tan só 20 anos Schilli xa foi nomeado óboe solista da Orquestra Sinfónica da Radio Bávara 

Stefan Schilli estudou nas Escolas Superiores de Música de Trossingen e Karlsruhe (Alemaña) antes de ser nomeado oboísta solista da Orquestra Sinfónica da Radio Bávara en 1991, cando tan só tiña vinte anos de idade. En 1996 gañou o Concurso Internacional da Primavera de Praga e o Concurso de Música ARD, despois de obter o Premio Nacional de Música de Alemaña en 1993.

Como solista ten tocado cos directores máis recoñecidos. Realizou frecuentes xiras polo sueste asiático, Estados Unidos, Rusia e toda Europa. Ademais, foi profesor na Universidade Mozarteum de Salzburgo. Gravou varios cedés e realizou numerosas gravacións para a televisión.

Durante moitos anos o músico dedicouse tamén a actuar con óboes históricos e é membro fundador do conxunto barroco L’Accademia Giocosa, que foi premiado co prestixioso Diapason d’Or pola súa gravación de obras instrumentais descoñecidas.