A renovación da norma adáptase ás novas necesidades das organizacións, cun enfoque baseado en riscos de procesos, liderazgo e planificación
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará o vindeiro 19 de abril un taller gratuíto sobre a adecuación do sistema de xestión á norma de calidade ISO 9001:2015. Celebrarase no salón de actos da Cámara entre as 10:00 e as 11:30 horas, e estará impartido por Carmen Ripamonti, consultora do Grupo CEI.
A norma ISO 9001:2015 será obrigatoria a partir de setembro de 2018 e todas as empresas certificadas coa versión do 2008 terán que realizar o cambio antes desta data límite. Para facilitar a substitución da norma ISO 9001:2008 foi preciso un período de adaptación que se fixou entre setembro de 2015 e marzo 2017.
Ademais, a nova norma será de obrigado cumprimento para os novos certificados e a partir do pasado mes de marzo toda auditoría inicial realizarase conforme á versión do 2015. Igualmente será obrigatorio para as empresas xa certificadas, posto que a partir de setembro de 2018 todas as empresas deberán ter realizada a súa auditoría de certificación segundo a nova norma.
No taller falarase da evolución do encauzamento da calidade, tanto do control do produto como da xestión integral da calidade ou calidade total. Tamén se fará balance das normas ISO anteriores, desde a norma ISO 9001:1987 ata a actualidade. Esta nova norma ISO 9001:2015 é unha gran renovación e adáptase ás novas necesidades das organizacións.
Carmen Ripamonti sinala que a nova versión define o contexto da empresa e as partes interesadas, demostrando o liderazgo mediante a responsabilidade do sistema de xestión da calidade, aliñando obxectivos coa estratexia da empresa. Un dos conceptos novos que se destacará no taller é a avaliación de ricos e oportunidades, xa que a nova versión require dun mellor control de todos os procesos (control operacional), conta cun deseño e desenvolvemento ao detalle, e dispón dun maior control de proveedores externos, o que se coñece como controis externos de procesos, produtos e servizos. “A nova norma destaca por un enfoque baseado en riscos de procesos, liderazgo e planificación, onde se definan os procesos de forma ordenada e clara, con información documentada e bens e servizos” –explica–.