O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas durante a Semana Santa, dende este venres ata o domingo 16 de abril

Haberá visitas guiadas pola vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela

O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse dende este venres, día 7, ata o domingo 16 de abril. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a domingo. Estará pechado, como é habitual, o luns durante todo o día, e os venres o horario da tarde prolóngase ata as 22:00 horas. Este ano, ao igual que a temporada pasada, tamén abrirá os domingos.

Tal como lembra Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas máximo”. E fai un chamamento aos centros educativos da cidade e doutros puntos de Galicia para que se animen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes.

Reapertura durante o verán

O museo pechará despois da Semana Santa e logo abrirá entre o 17 e o 20 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas e o Día dos Museos. Despois poderá visitarse todos os venres e sábados, dende finais de maio ata mediados do mes de xullo. E dende mediados de xullo ata principios de setembro abrirá no seu horario habitual, pechando os domingos e luns.

Segundo indica Benigno Amor, “nos últimos anos mantense a cifra de visitantes ao museo Casa de la Troya entre Semana Santa e o remate do verán, cunhas 1.900 persoas cada temporada. E este ano agardamos chegar aos 2.000 visitantes”.

O museo Casa de la Troya recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos.