A Real Academia Galega de Belas Artes pechará o ano dedicado a Maruja Mallo cunha exposición no Museo Thyssen-Bornemisza no primeiro trimestre de 2018

 Manuel Quintana Martelo, presidente: 

“Tratamos de facer cultura desde Galicia e por Galicia, de poñer esta terra no mapa do mundo cultural” 

Asunta Rodríguez, académica: 

“Era unha muller e unha artista sen prexuízos, unha creadora brillante e rebelde dotada de gran talento, cunha sólida formación intelectual, opinión e criterio propios” 

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou hoxe en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, un acto solemne e público para conmemorar o “Día das Artes Galegas” dedicado este ano a pintora surrealista Maruja Mallo (Viveiro, 1902 – Madrid, 1995). O xornalista e escritor Ramón Pernas presentou o acto que foi inaugurado polo presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e contou coa asistencia e intervencións da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos: e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Na procura e protección das artes e patrimonio galegos, Manuel Quintana Martelo sinalou que a institución funciona como plataforma para manter viva a esencia das artes galegas cun gran nivel de actividade, coa celebración do “Día das Artes Galegas”, as conferencias do ciclo “Martes das Artes” na sede coruñesa e outras xornadas culturais. Explicou que a institución precisa de recursos para cumprir cos compromisos a favor da cultura das belas artes galegas, ademais do apoio que xa recibe da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña e Fundación Barrié. “Non todo pode quedar no terreo do altruismo, a vontade e a responsabilidade social da Real Academia Galega de Belas Artes, que é moita e moi intensa” –destacou–.

Quintana Martelo comentou que a Real Academia Galega de Belas Artes comezou a celebrar o “Día das Artes Galegas” en 2015, co Mestre Mateo como protagonista, para seguir en 2016 coa figura de Catelao, e este ano centrado nunha muller de longa traxectoria artística e de recoñecida importancia na pintura española do século pasado, Maruja Mallo. “Debemos marcar un punto de inflexión naqueles que tiveron relevancia ao longo da súa vida nas artes galegas e deixaron un importante poso para o estudo, reflexión e legado ás xeracións futuras e son quen de contribuír de xeito importante á historia do noso pobo. Tratamos de facer cultura desde Galicia e por Galicia, de poñer esta terra no mapa do mundo cultural, porque estamos convencidos que facendo iso creamos interese e animosidade de visita no turismo nacional e internacional. Estamos a crear país” –sentenciou–.

Co obxecto de poñer a Galicia no mapa nacional e internacional, Quintana Martelo manifestou que, co Mestre Mateo como protagonista, a Real Academia Galega de Belas Artes, coa colaboración da Fundación Catedral, xa conseguiu levar a súa obra escultórica ao Museo do Prado, onde se poderá ver unha exposición das obras exentas da fachada románica do Pórtico da Gloria ata o 24 de abril. Pero aí non acaba o transcorrer da mostra mateana. O presidente anunciou que o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) proclamou o seu interese para levar a mostra ao seu museo, e ademais hai negociacións abertas co The Metropolitan Museum of Art (MET) para levar a colección do mestre a New York en 2018 ou 2019.

Ademais, Quintana Martelo anunciou máis novidades, esta vez en torno á figura de Castelao, xa que nos meses de outubro e novembro, en colaboración coa Fundación Gozalo Torrente Ballester, Fundación Mapfre e Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, organizarase unha exposición na sede coruñesa da Real Academia Galega de Belas Artes. E tamén apuntou que co apoio da Fundación Gonzalo Torrente Ballester difundirase un facsímile de Castelao que percorrerá as sedes do Instituto Cervantes, “levando a obra do rianxeiro fóra das nosas fronteiras”.

E xa neste 2017, o presidente manifestou que esta homenaxe a Maruja Mallo en Viveiro é unha das primeiras paradas que seguirán a moitas outras actividades ao longo da terra galega, que “darán pé a entender e difundir a herdanza que nos deixou”. Como remate do ano dedicado á artista e para dar difusión nacional a súa figura, Quintana Martelo anunciou que se realizará unha exposición “de cámara” no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, na Sala dos Balcóns durante os meses de xaneiro e marzo do 2018.

A encarnación da “rareza” en Maruja Mallo

A académica da sección de expertos nas artes, a galerista Asunta Rodríguez (Amandi, Sober –Lugo–, 1965), leu unha glosa titulada “Exótica”, onde fixo un percorrido pola vida e obra de Maruja Mallo. Para contextualizar o ambiente sociocultural da época, comezou relatando o nacemento da Institución Libre de Ensinanza en 1876 e outros proxectos complementarios que supuxeron unha renovación da vida intelectual española no Madrid de finais do século XIX e principios do XX e que construíron os cimentos da chamada Idade de Prata da cultura española.

Asunta Rodríguez lembrou que esta incesante actividade intelectual atraeu a presenza de numerosos artistas europeos, nunha primeira época a Federico García Lorca, Salvador Dalí, Dámaso Alonso, Rafael Alberti, Vicente Aleixandre ou Miguel Hernández, e tras a primeira Guerra Mundial a Luis Buñuel ou Rafael Barradas, que se reunían no Salón e Café de Pombo ou no Café Colonial para facer lecturas de poemas, representacións teatrais ou veladas que se convertiron na xénese da arte nova.

Nesta tesitura, márcanse os inicios artísticos de Mallo. Asunta Rodríguez destacou o xurdimento doutra revolución social que tiña como protagonista á muller nova, coa creación de organizacións de ensinanza destinadas a fomentar a educación universitaria da muller, e que rapidamente xerou un debate entre os intelecturais do momento, coñecido como “o problema da muller” onde preocupaba a perda da “exquisita sexualidade” e a consideración da “debilidade mental, fisiolóxica e emocional congénita” da muller. Pero a académica, resaltou que este pensamento non impediu que moitas mulleres, “libres e dotadas de forte vontade”, como María Zambrano, Margarita Nelken, Concha Méndez, María Teresa León e Maruja Mallo, entre outras moitas, conseguisen abrir o seu camiño.

Pero a chegada da Guerra Civil española acabou, segundo a académica, co “espellismo” e forzou ao exilio e o olvido a toda esa xeración de mulleres, a todas menos a Maruja Mallo que conseguiu ser recoñecida pola súa arte vangardista. “Maruja Mallo é unha das fundadoras da vangarda histórica, o seu eslabón perdido, e en tempo real é aplaudida e celebrada polos contemporáneos da Xeración do 27 pero, aínda que non o sabe, deixáronlle vivir unha vida prestada” –explicou–. Aínda que non chegaron a silenciar a Mallo, Asunta Rodríguez deixou constancia que moitos dos seus coetáneos “aplaudían a súa conducta, pero tíñanna por inaceptable ao tratarse dunha muller, á que denominaban chica moderna e explicaban o seu achegamento á arte como algo meramente intuitivo, imaxinativo e produto da histeria ou da tolemia”, inaugurando así con esta adxectivación o amarillismo historiográfico. “Ela, que odiaba as etiquetas, probablemente nunca sospeitou que a súa personalidade arrebatadora e fascinante convertiríanna nunha vítima da súa propia imaxe deformada” –apuntou–.

Pero segundo a académica, a encarnación viva da “rareza” en Majura Mallo foi compartida por un grupo de artistas do momento: a súa alma xemelga Salvador Dalí, Federico García Lorca e Luis Buñuel, con quenes comparte anécdotas e troulas nocturnas na década dos vinte, como ben se reflicte no cadro pintado en 1922 por Dalí, “Sueños noctámbulos”, onde se plasman varias escenas bohemias que mostran a fascinación pola vida nocturna madrileña de catro personaxes.

A xeometría emocional nas pinturas de Mallo

Coa convicción de ser unha muller libre, Maruja Mallo nunca contraeu matrimonio nin militou nun partido político, actitude que se traslada ao ámbito artístico onde xamais se declarou adscrita a ningunha escola ou movemento organizado. “Odiaba repetirse, cada cadro era zume concentrado, ese desafío creativo autorizáballe a considerarse única. Maruja Mallo era unha muller e unha artista sen prexuízos, unha creadora brillante e rebelde dotada de gran talento, cunha sólida formación intelectual,  opinión e criterio propios, unha rara avis que admite numerosas e caleidoscópicas lecturas” –salientou a académica–.

Tras o seu paso pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Mallo pinta o cadro “La mujer de la cabra (La isleña)”, a serie “Verbenas” de 1927 e “La mujer en bicicleta” de 1930, onde recrea mulleres de dimensións desproporcionadas, que segundo describiu Asunta Rodríguez, “son pintadas con brillante colorismo, cun dominio da liña e o debuxo maxistrais, pero sempre coa precisión das formas férreas onde se vislumbra a xeometría emocional”. Xa en 1936, Mallo pinta “La sorpresa del trigo”, obra a partir da que xa se considera unha artista surrealista e que transmite unha mensaxe de compromiso social e cunha clara influencia do muralista mexicano Diego Rivera.

Despois de vivir un ano en París, Mallo trasládase a Bos Aires en 1937, onde comeza a compoñer a pintura “Arquitectura humana” (1937), onde se aprecia claramente a adhesión á xeometría, para tamén se centra na serie “La religión del trabajo”. Xa en 1942 comeza a traballar coa realidade americana, absorvendo experiencias nas súas viaxes polo mundo indíxena, exótico e multicultural de gran plasticidade que é o Novo Continente. “Exótica é o atributo que suxeriu o estudo deste exemplar soberbio de pura sangre, unha alma libre que tratou ao mundo de tu pero que merece ser nomeada só de vostede. Maruja Mallo é a personificación do espírito da vangarda no seu intento de cambiar o mundo e a vida, polo que vive nunha revolución permanente na súa construción do eu. Pero sería inxusto pensar que ela é a súa mellor creación dada a brillantez da súa obra” –manifestou Asunta Rodríguez–.