O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, manifesta que “o turismo é un grande aliado pero tamén un grande inimigo do patrimonio”

Búscanse medidas para que os centros históricos non perdan poboación e se manteña o comercio tradicional fronte ao turístico 

O conxunto de España e Portugal representa a unidade territorial con maior número de bens Patrimonio da Humanidade do mundo, un total de 60

O Consorcio de Santiago inicia os actos conmemorativos do seu 25º aniversario coa celebración do VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial, que se inaugurou esta mañá no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Asistiron o director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Luis Lafuente; Manuel Lacerda en representación da dirección xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura de Portugal; Maria de Lurdes Serpa Carvalho, representante da Comisión Nacional de UNESCO Portugal; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; xunto ao alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega.

O evento, organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico, en colaboración co Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, celébrase entre o 29 e 31 de marzo. Durante este días abordarase o impacto do turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial, en particular das cidades Patrimonio da Humanidade de España e Portugal.

Na súa intervención, o director xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura, Luis Lafuente, salientou que formar parte dos bens declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO implica “una gran responsabilidad”, posto que se adquire o compromiso de salvagardar e consevar este legado para xeracións futuras. E lembrou que dende o Centro de Patrimonio Mundial fanse unha serie de requirimentos sobre o estado de conservación e mantemento destes bens. Nesta liña, manifestou que “una de las principales problemáticas que acechan al patrimonio es el turismo. El patrimonio es un elemento dinamizador del turismo pero debemos lograr que este turismo cultural sea sostenible”.

Pola súa parte, dende a dirección xeral de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura de Portugal púxose de manifesto que “todas a cidades Patrimonio da Humanidade estanse a enfrontar a un incremento do turismo, co consecuente impacto na función residencial das cidades. Aumenta o prezo dos alugueiros, o que fai que os residentes teñan que abandonar os centros históricos, xunto cunha diminución do comercio de proximidade. Hai edificios que se reutilizan como hospedaxes e residencias temporais, usos non compatibles co uso histórico que deberían ter. Isto implica unha perda de identidade, de autenticidade, coa consecuente desestruturación social”. 

O conselleiro de Cultura di que cómpre deseñar un uso sostible do patrimonio cultural

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que o conxunto de España e Portugal representa a unidade territorial con maior número de bens Patrimonio da Humanidade do mundo, un total de 60, seguida de China con 51 e Italia con 50. “A súa xestión implica un esforzo enorme. A relación da sociedade co seu patrimonio é complexa e máis cos seus bens máis senlleiros. A xestión do patrimonio ten un custo moi elevado e complexo, ao que cómpre engadir a tendencia do turismo cultural, que representa unha actividade económica cada vez máis relevante e, ao mesmo tempo, cunha incidencia notable sobre os conxuntos patrimoniais” -indicou-.

“O turismo é un grande aliado pero tamén un grande inimigo do patrimonio. Cómpre buscar o equilibrio, deseñar un uso sostible do patrimonio cultural, evitando os abusos pero sen esquecer que representa unha actividade económica que xera recursos e fai que os cascos históricos se manteñan vivos” -sinalou o conselleiro-.

Martiño Noriega, alcalde de Santiago: “Estamos a regular o uso turístico das vivendas e dos locais comerciais”

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, lembrou que hai 32 anos a UNESCO recoñeceu a cidade compostelá como Patrimonio da Humanidade, o que contribuíu á súa consolidación como destino turístico mundial, ao tempo que significou un gran pulo para as políticas de rehabilitación e conservación do patrimonio. “Pero tamén afectou ao seu carácter de cidade habitada” -manifestou-. Así, o alcalde afirmou que “o impacto do turismo, cada ano con cifras récord, eleva o risco de que o casco histórico se convirta nun parque temático. Moitos edificios de vivendas estanse a dedicar a vivendas turísticas, coa consecuente perda de poboación no centro histórico, e a substitución do comercio tradicional polo turístico”.

“Non hai cidade se non está habitada, por iso estamos a levar a cabo unha serie de medidas, como a moratoria nas licencias hoteleiras, xunto á regulación do uso turístico das vivendas e dos locais comerciais. Cada ano visítannos millóns de persoas, que deben valorar non só a catedral e o seu contorno máis inmediato, senón todo o demais patrimonio que atesoura a nosa cidade, e niso estamos a traballar” -indicou o alcalde-.

A directora do Centro de Patrimonio Mundial, Anne Marie-Noëlle Tournoux, realizou unha presentación a través dun vídeo. E, a continuación, a xefa de proxectos na Unidade de Europa e América do Norte do Centro de Patrimonio Mundial da UNESCO abordou os cometidos do centro de cara a garantir a conservación dos bens declarados Patrimonio Mundial da Humanidade.

Os Encontros continúan mañá xoves coa presentación de casos concretos, en particular o Parque Nacional do Teide; as cidades de Santiago, Toledo, Ávila e Cáceres; e as portuguesas de Porto, Évora, Alto Douro Vinhateiro e Angra do Heroísmo.