Esta iniciativa enmárcase no ciclo “A Escola na Cidade” e é gratuíta ata completar o aforo
A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar o aforo.
No marco deste programa, mañá mércores, 29 de marzo, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará un cuarteto de corda, integrado por dúas violinistas, unha viola e un violoncello. Interpretarán o Cuarteto nº 2 do compositor ruso Aleksandr Borodín.
A continuación tocará un quinteto de metais, composto por dous trompetistas, un trompista, un trombón e un tuba. Achegarán ao público dúas obras: Mosaicos para quinteto de vento de Anthony Plog e, por último, Contrapunctus I (A arte da fuga) de Johann Sebastian Bach.
A duración aproximada deste concerto será duns 50 minutos. Este ciclo de concertos de “A Escola na Cidade” continuará no Paraninfo da Universidade de Santiago con varias actuacións, que está previsto que se celebren ao longo do vindeiro mes de xuño, protagonizadas tamén por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.