Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen mañá martes un novo concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

Esta iniciativa enmárcase no ciclo “A Escola na Cidade” e é gratuíta ata completar o aforo

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar o aforo.

No marco deste programa, mañá martes, 28 de marzo, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará un cuarteto de corda, integrado por dúas violinistas, unha viola e un violoncello. Interpretarán o Cuarteto nº 8 do compositor ruso Dmitri Shostakóvich.

A continuación tocará un quinteto de vento, composto por unha frautista, unha oboísta, unha clarinetista, unha fagotista e un trompista. Achegarán ao público tres obras: o Quinteto nº 2 de Franz Danzi, Seis bagatelas de György Ligeti e, por último, Kleine Kammermusik nº 2 de Paul Hindemith.

A duración aproximada do concerto será de algo máis dunha hora. Este ciclo de concertos de “A Escola na Cidade” continuará no Paraninfo da Universidade de Santiago o vindeiro mércores día 29. E están previstas outras actuacións para o mes de xuño, protagonizadas tamén por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.