O Consorcio de Santiago inicia os actos conmemorativos do seu 25º aniversario coa celebración do VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial

O evento, organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, terá lugar entre o 29 e 31 de marzo e abordará o impacto do turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial 

Reunirá a expertos da UNESCO, a representantes de Patrimonio do Ministerio de Cultura e das Comunidades Autónomas, xunto a xestores das cidades Patrimonio da Humanidade de España e Portugal

O Consorcio de Santiago conmemora este ano o seu 25º aniversario. O primero acto para celebralo terá lugar a vindeira semana. Trátase do VI Encontro Ibérico de Xestores de Patrimonio Mundial, que acollerá o Museo das Peregrinacións entre os días 29 e 31 de marzo. No transcurso deste evento abordarase o impacto que na actualidade ten o turismo sobre os elementos do Patrimonio Mundial.

Este VI Encontro está organizado pola Secretaría de Estado de Cultura, a través da Subdirección Xeral de Protección de Patrimonio Histórico, en colaboración co Consorcio de Santiago, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Reunirá na capital galega a uns 70 expertos. Estarán representantes da UNESCO, de Patrimonio do Ministerio de Cultura e das Comunidades Autónomas, xunto a xestores do patrimonio de diferentes cidades Patrimonio da Humanidade de España e Portugal.

O obxectivo deste encontro é realizar un diagnóstico sobre o impacto da actividade turística no mantemento da función residencial e da rehabitación das cidades históricas Patrimonio da Humanidade portuguesas e españolas. Afondarase nos instrumentos de xestión que faciliten o necesario equilibrio das actividades hoteleiras e hosteleiras e as habitacionais, favorecendo igualmente a convivencia do comercio turístico co comercio tradicional de proximidade.

Reflexionarase sobre como parar e reverter os procesos de deshabitación e terciarización das nosas cidades. Nesta liña, tratarase a necesidade de desenvolver políticas coordinadas e transversais que fagan compatible a promoción turística coa rehabitación e que  impliquen a todas as Administracións.

O encontro diríxese a responsables do planeamento e a xestión das cidades históricas Patrimonio da Humanidade españolas e portuguesas, tanto dende a perspectiva da estrita planificación e xestión urbanística como dende a turística. 

Xestores de bens declarados Patrimonio Mundial realizarán unha análise de todos aqueles aspectos afectados polo turismo

Esta iniciativa naceu no ano 2004 co obxecto de estreitar os vínculos entre os países da península Ibérica -España, Portugal e Andorra-, ligados pola súa historia, pola súa cultura e polos seu legados patrimoniais de enorme riqueza e diversidade.

A temática destes Encontros enmárcase na Convención da UNESCO de Patrimonio Mundial de 1972. A declaración dun ben non conleva só a posta en valor da riqueza patrimonial dun determinado lugar, senón que implica unha gran responsabilidade por parte do Estado e todas as súas administracións. Adquírese o compromiso de salvagardar e conservar este legado do pasado para xeracións futuras, tal e como aparece reflectido na Convención de 1972. Para iso, dende o Centro de Patrimonio Mundial fanse unha serie de requirimentos sobre o estado de conservación dos bens declarados e o seu mantemento, e tratar sobre eles é un dos obxectivos destes Encontros Ibéricos.

Con carácter bienal, cada país organiza unha convocatoria; a primeira celebrouse en 2004. Con motivo do 25º aniversario do Consorcio de Santiago, este ano elixiuse a capital galega para celebrar o evento. O tema central elixido nesta ocasión é o impacto do turismo no Patrimonio Mundial. Crearase un espazo de diálogo ao redor deste tema no cal xestores de bens declarados Patrimonio Mundial realizarán unha análise global de todos aqueles aspectos afectados polo turismo nos seus bens inscritos. 

Actos conmemorativos do 25º aniversario do Consorcio de Santiago

Ademais deste encontro, o Consorcio de Santiago ten previsto a celebración dunha serie de actos ao longo deste ano para conmemorar os 25 anos de traxectoria do organismo interadministrativo. Así, estanse a planificar outras xornadas sobre a xestión do patrimonio histórico para o mes de outubro.

Por outro lado, unha exposición permitirá facer un percorrido por estes 25 anos de historia do Consorcio de Santiago. Esta mostra centrarase nas principais actuacións levadas a cabo polo organismo no eido da recuperación urbana, en particular no relativo á conservación do patrimonio, rehabilitación de vivendas, rehabilitación de locais comerciais, mantemento de edificios no centro histórico, xunto ás intervencións no espazo público. Ademais, recolleranse as actuacións máis destacadas no referente ás políticas de acción cultural e de estudo e interpretación da historia da cidade e do fenómeno xacobeo. E, vencellada a esta exposición, realizarase unha publicación que reunirá todas estas actuacións dende o punto de vista cultural e do patrimonio.

Xunto a estas, ao longo do ano iranse realizando outras actividades destinadas a conmemorar estes 25 anos do Consorcio de Santiago.