Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen este luns un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

Esta iniciativa enmárcase no ciclo “A Escola na Cidade”, actuacións dos futuros músicos en diferentes puntos de Compostela

 

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, este luns, 27 de marzo, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar actuará un quinteto de corda, integrado por dous violinistas, unha viola, unha violoncellista e un contrabaixo. Interpretarán o Quinteto nº 26 do compositor francés George Onslow.

A continuación tocará un cuarteto composto por unha violinista, un clarinetista, un contrabaixo e un percusionista, acompañados da pianista Eriko Ishimoto. Achegarán ao público a obra Serenade do compositor soviético-alemán Alfred Schnittke.

A duración aproximada do concerto será duns 50 minutos. Este ciclo de concertos de “A Escola na Cidade” continuará no Paraninfo da Universidade de Santiago o vindeiro martes día 28 e o mércores 29. E están previstas outras actuacións para o mes de xuño, protagonizadas tamén por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.