A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 21, a conferencia “In-Genius Locii. O espazo a través da ilusión” que impartirá o arquitecto Óscar Pedrós, ás 20:00 horas. Trátase dunha charla que forma parte do ciclo de conferencias Martes das Artes sobre o patrimonio cultural de Galicia.
O contido do relatorio xorde dun traballo de investigación onde se percorren distintas arquitecturas a través das leis de atención e percepción que articulan a disciplina do ilusionismo. “O in-genius locii é o lugar da afinidade desta Bela Arte coa manipulación do espazo, propia da disciplina arquitectónica, un exercicio que nos esixe saber ver a arquitectura desde un estado de plena consciencia” –explica Pedrós–.
In-genius-locii clasifica as arquitecturas percibidas desde o punto de vista do conflito lóxico. Apoiándose nas ilusións visuais, ópticas e cognitivas, así definidas no campo da neuropsicoloxía, establece unha clasificación deste tipo de espazos en nove categorías (a redución das categorías tradicionais do ilusionismo): aparición, escamoteo, transposición, roto e recomposto, materia a través da materia, metamorfose, características extraordinarias, levitación e predición. Óscar Pedrós sinala que conclúe no in-genius locii como feito principal no redescubrimento daqueles espazos que non son o que parecen ser e resulta ser vínculo fundamental entre os tres pés nos que se apoia a disertación: arquitectura, ilusionismo e percepción.
Óscar Pedrós Fernández é arquitecto pola ETSA da Coruña (Premio Extraordinario 2004), membro da Unidade de Investigación “Proxecto, Arquitectura e Cidade” da UDC e membro do proxecto “Iacobus: Rehabilitar o Patrimonio Europeo”. Entre 2006 e 2009 realiza o Máster en Urbanismo (UDC), o Curso de Técnico Superior de Urbanismo (Xunta de Galicia) e o Masterclass Berlage Institute (UIA, Róterdan). Profesionalmente desenvolve as súas primeiras obras en INBO BV Ámsterdam, centrándose posteriormente na obra pública desde o cargo de arquitecto municipal no Concello da Coruña.
Entre a súa obra publicada, ademais das seleccionadas pola iniciativa Metagénesix e a Guía de arquitectura de Galicia, figuran a Escola Infantil en Novo Mesoiro (2008-2010), a Mediateca de Carballo (2011-2013, finalista do I Premios de Arquitectura de Galicia) e a Casa EINS (2006-2008), pola que recibe un áccesit nos XIV Premios COAG. En 2008 ingresa como profesor da ETSA da Coruña, onde imparte docencia no departamento de Proxectos Arquitectónicos. Alí se doutora en 2013. Obtén unha bolsa posdoutoral polo Ministerio de Educación de Brasil a onde se despraza entre os anos 2014 e 2015. Conta con diversos artigos publicados en Documentos de Reflexión Urbanística, Boletín Académico, Tracería, Diagonal, Arquitectonics así como comunicacións a congresos como CIAB, PATORREB, FECIES, CIDU e CriticAll. Foi profesor convidado nas universidades de Regensburg, Clermont-Ferrand, Ereván, Maringá, Londrina e Technische Universität München.