O Colexio de Arquitectos de Galicia premia arquitecturas “sensatas, atentas á paisaxe e á tradición e proxectadas cara ao futuro”

Os Premios COAG, fallados e entregados hoxe en Ourense, destacan propostas de Cabanas, Santiago, Allariz, Outes, A Coruña, Riveira, Baiona e Noia

Antonio Maroño, decano: “O construído, nun país de paisaxe humanizado, é o feito diferencial de Galicia”

O arquitecto ourensán Xosé Xavier Suances recolleu, da man de Manuel Gallego Jorreto, o premio especial a toda a súa traxectoria

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe a Gala da XVII edición dos Premios do Colexio de Arquitectos –Premios COAG–, onde se concederon as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas de Galicia. O acto celebrouse no Teatro Principal de Ourense (rúa Paz nº 9), e consistiu nun recoñecemento a todos os profesionais que participaron nos proxectos premiados. O evento contou coa colaboración de Blancoquintas, Aislux Galicia, Obras y servicios Gómez Crespo, Lledó, Otis, Cortizo, Cristalería Ramos e Gas Natural Galicia.

Esta gala, presentada polo actor e humorista galego David Amor, converteuse nunha reunión social de todos os representantes da arquitectura galega e contou coa asistencia dun amplo grupo de personalidades do ámbito político e cultural de Galicia. As distincións foron entregadas por arquitectos gañadores de anteriores edicións e en por cada categoría proxectouse un vídeo descritivo coas obras finalistas. No seu discurso, o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia e presidente do xurado, Antonio Maroño, salientou que os premios COAG son o evento idóneo para poñer de relevo o traballo dos arquitectos ante a sociedade galega e reclamar a oportunidade “de facer aquilo para o que estamos preparados coma ninguén”. Ademais, agradeceu o apoio e confianza das Administracións Públicas co colectivo, pero tamén solicitou unha atención ao detalle das peculiaridades do traballo dos arquitectos e a convocatoria de consursos públicos para que profesionais sen experiencia laboral poidan desmostrar a súa valía ou arquitectos que, pola situación de crise económica dos últimos anos, non crearon obra.

“A arquitectura é un sector que representa o 10% do PIB do conxunto de España, pero non é só construción, é tamén cultura. O construído, nun país de paisaxe humanizado, é o feito diferencial de Galicia. A paisaxe non existe se nón ten un observador” –sinalou–.

Pola súa parte, o vogal de Cultura do Colexio de Arquitectos de Galicia, Cristóbal Crespo, explicou que as obras participantes nesta edición dos premios son arquitecturas “sensatas, económicas na forma e nos materiais, atentas á paisaxe e á tradición, pero decididamente proxectadas cara o futuro e feitas desde a convicción, o oficio e o sacrificio”, e pouco teñen que ver cos discursos dominantes nos medios de comunicación que se centran na burbulla do ladrillo, arquitectura espectáculo ou o irritante topicazo do feísmo. “Este de hoxe é un acto da gran cultura galega do século XXI” –afirmou–.

Os membros do xurado sinalaron a “gran calidade” das propostas, a “excelencia” das premiadas e a importancia de todas as participantes nesta convocatoria dos premios, e de que ningunha pode ser considerada “irrelevante ou mediocre”. Indicaron tamén que o número e nivel das obras achegadas directa e libremente polo autores evidencia a “altura intelectual do discurso da arquitectura galega do século XXI”, na plenitude dunha crise especialmente “devastadora e persistente” para o sector da edificación. O xurado quixo facer mención á actitude “admirable e case heroica e de autoesixencia” dun colectivo profesional que, a pesar das enormes dificultades e o escaso recoñecemento, é capaz de manter un elevado compromiso coa terra e a modernidade. 

Visibilización do traballo das mulleres arquitectas

Ademais, o colectivo de arquitectas “HaiMulleres”, que traballa para visualizar e demostrar que as mulleres están presentes en todos os modos de entender a profesión e nas contornas que definen o oficio e loita contra a desigualdade de xénero no exercicio profesional da arquitectura e o urbanismo, tamén tivo o seu oco na gala.  Un grupo de dez arquitectas subiu ao escenario para explicar o traballo de difusión que están realizando a través das redes sociais para dar a coñecer o labor arquitectónica das mulleres da profesión. Foron Elvira Carregado e Beatriz Calviño, vogais da Xunta de Goberno do Colexio; Rocío Lamas, persoal de apoio das comisións de formación e de cultura do Colexio; Paula Feijoo, Emma Noriega, Raquel González e Elsa Borbujo, secretaria, tesoureira, membro da comisión de formación e da comisión de cultura da Delegación de Ourense do Colexio; María Mariño, secretaria da Delegación de Vigo do Colexio; a arquitecta Sandra González; Sonia Puente Landázuri, decana do Colegio de Arquitectos de Asturias. 

A creación da “casa do home” 

O premio especial á traxectoria profesional, entregado polo arquitecto de O Carballiño Manolo Gallego Jorreto,  foi para Xosé Xavier Suances Pereiro (Ourense, 1932), en recoñecemento ao seu exercicio profesional e con motivo da súa dilatada experiencia como colexiado, xa que mesmo foi decano do Colexio de Arquitectos de Galicia entre 1981 e 1983. Suances é o arquitecto de obras moi destacadas en Galicia, como a intervención no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil no concello ourensán de Nogueira de Ramuín entre os anos 1987 e 1999. Deseñou tamén a contrución do convento das Madres Carmelitas Descalzas, situado na rúa Carretera do Seminario 15 de Ourense, unha obra que se finalizou en 1968 e que forma parte do Docomomo Ibérico, onde figura como unha das obras que anticipan unha das máis interesantes achegas compositivas da arquitectura relixiosa moderna da segunda metade do século XX. Ademais, Suances posúa moita obra residencial por toda a provincia de Ourense.

Suances agradeceu ao Colexio de Arquitectos de Galicia a distinción e asegurou que é unha horna recibir o premio de mans de compañeiros de profesión. Comentou as motivacións que o axudaron ao longo da súa traxectoria a compoñer a obra arquitectónica, en concreto a formación que adquirida e as reflexións realizadas no exercicio profesional que foron madurando co paso do tempo. “Casa obra é unha cousa distinta, cos seus propios éxitos e fracasos, pero sempre co obxecto final de intentar colaborar na creación da casa do home” –explicou–.

Pola súa parte, Antonio Maroño celebrou estar hoxe na cada dun amigo e dun mestre como Xavier Suances. “Hónrome persoalmente da súa amizade e como moitos de vós de ter sido o seu alumno, e por suposto, agradezo a súa contribución a arquitectura con obras brillantes, non sempre xustamente recoñecidas” –manifestou–.

Entre outros, asistiron á gala a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo: a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé Riveira; o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), José Antonio Cerdeira; a directora Xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez Insua; o subdirector Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Manuel Chaín; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), Rosendo Luis Fernández; a directora Xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Urbanismo da cidade, José Jesús Cudeiro. Tamén asistiron representantes doutras institucións de corte cultural, como son a Real Academia Galega de Belas Artes, Museo do Pobo Galego, Afundación, e tamén organizacións do ámbito ourensán. Do eido empresarial, contouse coa presenza de representantes de ABANCA, da Cámara de Comercio de Ourense, Asociación Jóvenes empresarios de Galicia-AJE Ourense, Asociación provincial de empresarios da construcción de Ourense, Asociación Provincial de Graniteiros de Ourense ou Cluster da Madeira. E de colexios profesionais, asistiron o presidente do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Jordi Ludevid, e representantes doutros colectivos profesionais.

O Colexio de Arquitectos convoca desde o ano 1987 estes premios coa idea de contribuír á difusión e promoción do feito arquitectónico fóra do ámbito estritamente profesional. O obxecto é difundir e fomentar a calidade arquitectónica, o rigor construtivo e a axeitada implantación da obra no territorio. Os Premios COAG recoñecen as mellores obras da arquitectura galega, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio, período correspondente a obras acabadas entre o 31 de xullo de 2014 e o 31 de xullo de 2016.   

PREMIADOS DA XVII EDICIÓN DOS PREMIOS COAG

VIVENDA

Ex Aequo

-Vivenda unifamiliar illada

Carretera de Fonfría 36 C. Cabanas

Fernando Martínez López e Miguel Carballido Pensado 

 

-Cooperativa de vivendas Galeras Entrerríos

Marie Curie 1, 3, 5, 7, 9, 11, 13, 15. Santiago de Compostela

Manuel Carbajo Capeáns, Celso Barrios Ceide (Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados, SLP)

 

REHABILITACIÓN

-Rehabilitación da Casa da Viña

Rúa Casalomberte, 6. Allariz (Ourense)

Seara Peleteiro Arquitectos. Juan Seara Oro

 

EQUIPAMENTOS

Ex Aequo

 -Construción centro actividades mariñeiras e cabanas do barranco

Ousesende, Outes

Alfonso Salgado Suárez e Francisco Xabier Liñares Túñez (Salgado e Liñares, SLP)

 

– Reforma e ampliación de centro docente-asistencial Down

Pedralonga, Lugar de Pedralonga s/n. A Coruña

José Luis Martínez Raído e Emilio Rodríguez Blanco

 

DESEÑO URBANO / ESPAZOS ABERTOS

– Miradoiro de Pedra da Rá

Monte Castro, Riveira

Carlos Seoane

 

OBRAS DE REFORMA E INTERIORISMO

-Despacho de heladería

Rúa Alférez Barreiro. Baiona

Faustino Patiño Cambeiro e Juan Ignacio Prieto López e Andrea Fernández Fernández

BAIXO CUSTO

 “Chic&Cheap”

Cruceiro de Barro, s/n. Noia

Martín Insua Calvo e José Barreiro Carreño

 

DIVULGACIÓN E INVESTIGACIÓN

-Longametraxe documental “A Seara”

Co-guionistas: Jorge Gómez Cereijo, Alberte González Rodríguez, Manuel López Guitar e Jorge Salvador Fernández (GAU arquitectura e urbanismo SLP)

 

ARQUITECTURA EFÉMERA E ARQUITECTURA NOVEL

-O xurado decide declarar as categorías desertas

 

 Máis información e fotografías das obras premiadas:

                    http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas/visualizacion.aspx