Expertos hidrólogos aseguran que se corrixen algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor
O tratamento da dor crónica a través da balneoterapia. Este é o tema que vai centrar unhas xornadas que se celebran esta fin de semana no balneario ourensán de Arnoia, no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. Un grupo de estudantes galegos de Medicina que se están a formar na cura termal coñecerán os beneficios da terapia termal á hora de abordar a estes pacientes.
A doutora do balneario de Arnoia, Ada Sevares, salienta que “a dor crónica é nalgúns casos unha entidade patolóxica en si mesma, xa que o paciente ten que enfrontarse tanto ao prognóstico da súa doenza como ao estrés que produce desenvolver as actividades rutinarias da vida con dor”. Nos centros de saúde este tipo de pacientes demandan repetidamente o alivio sintomático da dor que padecen. Nesta liña, “as diversas técnicas balneoterapéuticas que se aplican na actualidade axudan a diminuír a dor mecánica e permiten, nos meses posteriores á cura termal, que os enfermos realicen as súas tarefas cotiás con mellor calidade de vida física, ao tempo que se reduce o estrés ou ansiedade derivados de tales síntomas” -manifesta a doutora-. Sevares afirma que “a cura termal non é resolutiva en si mesma, pero contribúe en boa medida á melloría dos pacientes”.
Na atención ás persoas con dor crónica poden intervir diferentes profesionais médicos e sanitarios que axudan a paliar a dor, as crises e a mellorar a calidade de vida destas persoas. É o caso dos médicos de familia, os fisioterapeutas, os psicólogos clínicos e os facultativos expertos en hidroloxía médica.
A doutora Sevares destaca “o uso da balneoterapia como terapia paliativa e non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor”. E sinala que “a balneoterapia xa é coñecida por moitos destes pacientes pero aínda é unha gran descoñecida para os médicos, polo que queremos incidir nos beneficios que se obteñen ao recibir unha cura balnearia, non dende un punto de vista etiolóxico, pero si axudando a mellorar e a corrixir algúns dos efectos adversos derivados dunha rutina diaria con dor”.
Xornadas prácticas con médicos de familia, hidrólogos e fisioterapeutas
As xornadas comezan mañá venres ás 16:30 horas. O doutor Tomás Marchena, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, abordará o tratamento farmacolóxico da dor crónica. De seguido, o tamén médico de familia José Miguel González sinalará as principais demandas do paciente con dor. Para rematar a tarde, os asistentes realizarán unha sesión práctica no balneario co fin de achegarse ás técnicas de balneación que se aplican a este tipo de enfermos, xunto á fisioterapeuta María Fernanda Agras. A xornada do sábado iniciarase ás 9:30 h coa intervención do fisioterapeuta do balneario de Laias, Kamil Brezenzski. Logo a doutora Ada Sevares explicará como se realiza a valoración de pacientes con dor crónica de orixe reumática. Ao final da mañá os futuros médicos participarán nunha sesión práctica no balneario e pola tarde celebrarase un coloquio.