É o caso de Castelao, Otero Pedrayo ou Valle-Inclán, ao que retratou recén falecido en Santiago
Dende a súa inauguración o pasado mes de decembro percorreron a mostra máis de 3.000 persoas
Baixo o título “Rostros”, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de retratos realizados polo pintor Carlos Maside a personaxes contemporáneos seus durante os anos 20 e 30 do pasado século. A mostra exhíbese na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, dende o pasado 15 de decembro. Ao longo destes tres meses visitaron a mostra máis de 3.000 persoas. O derradeiro día para percorrela é o vindeiro domingo, día 19.
Esta exposición reúne máis de cen retratos, pertencentes na súa maioría ao legado familiar, realizados a lápis, pluma ou tinta sobre papel; xunto a dous gravados, un de Castelao e un autorretrato do propio autor. Expóñense ademais unha serie de fotografías do artista, algunhas das cales se exhiben por primeira vez; libros e documentos que axudan a contextualizar a figura deste artista nunha etapa, a da preguerra en Galicia, inqueda e chea de cambios sociais, políticos e culturais.
Trátase de retratos orixinais que Maside fixo para varios xornais da época cos que colaboraba como “Nueva España”, “El Pueblo Gallego” ou “Faro de Vigo”. Debuxaba a persoeiros destacados do momento da vida política, cultural, médicos, escritores, artistas… Polo seu significado circunstancial, destaca o retrato que lle fixo a Valle-Inclán, estando recén falecido en Santiago. Ademais, políticos como Castelao, Manuel Azaña, Ramón Cabanillas ou Ánxel Casal; médicos como Nóvoa Santos; ou escritores, poetas e pintores como Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Manuel Antonio e Manuel Colmeiro son retratados baixo a extraordinaria lupa do debuxo de Maside.
Os retratos de Maside caracterízanse pola simplicidade expresiva das liñas, logrando captar ao retratado no xesto ou na figura. Con frecuencia, deixa sen realizar certos rasgos por non consideralos esenciais, e no seu lugar esaxera os máis característicos. Así, nalgúns retratos a atención céntrase nas mans, na figura ou no rostro; noutras o rostro pode estar desprovisto de ollos ou de boca, sen alterar o parecido físico ou moral do retratado.
O horario da Casa do Cabido é de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público.