Pronunciará o seu discurso nun acto de recepción pública que se celebrará o sábado-25 no Museo de Belas Artes da Coruña
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará o sábado, día 25, unha sesión extraordinaria pública no salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña (rúa Zalaeta s/n) para a recepción do académico de honra, o arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira, ás 12:30 horas.Siza pronunciará o seu discurso de ingreso, baseado no seu proxecto para o pavillón do Instituto Berggruen dos Ánxeles (EUA): “Inicio dun proxecto, os instrumentos de traballo dun arquitecto”. O novo membro será contestado, en nome da institución, polo académico numerario da sección de arquitectura, Xosé Manuel Casabella. A súa entrada na Academia foi aprobada por votación regulamentaria e con maioría absoluta na sesión plenaria do 31 de xaneiro de 2015.
A Real Academia Galega de Belas Artes destaca que Álvaro Siza é o único arquitecto portugués, xunto ao seu discípulo Eduardo Souto de Moura, que posúe o Premio Pritzker da Arquitectura (equivalente ao Novel en Arquitectura) concedido pola Fundación Hyatt aos arquitectos cuxo traballo construído mostre unha mestura das calidades de talento, visión e adicación, contribuíndo dun xeito consistente e significante ao enriquecemento da humanidade e do mundo da construción a través da arte da arquitectura. “O seu labor na arquitectura constitúe unha achega relevante ao patrimonio cultural da humanidade e é considerado como o arquitecto portugués de maior dimensión universal” –explican desde a Real Academia Galega de Belas Artes–.
Obras e galardóns
Álvaro Joaquim Melo Siza Vieira (Matosinhos, Portugal. 1933) licenciouse na Escola de Arquitectura da Universidade de Oporto entre 1949 e 1955, terminando a súa primeira obra en 1954. Entre 1955 e 1958 colabora no despacho do arquitecto Fernando Távora. Imparte clases na Escola de Arquitectura de Oporto (ESBAP) entre 1966 e 1969, e en 1976 é nomeado profesor asistente de Construción. Foi profesor invitado na Escola Politécnica Federal de Lausana en Suíza, e nas Universidade de Pensilvania, Universidade de Los Andes de Bogotá e na Graduate School of Design da Universidade de Harvard. Obtivo o título de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Valencia, a Escola Politécnica Federal de Lausana, a Universidade de Palermo, a Universidade Menéndez Pelayo de Santander, a Universidade Nacional de Enxeñería de Lima en Perú e pola Universidade de Coimbra en Portugal.
É membro da American Academy of Arts and Science e membro honorífico do Royal Institute of British Architects, do American Institute of Architects, da Académie d’Architecture de France e da European Academy of Sciences and Arts.
Foi director do Plan de Recuperación de Schilderseijk na Haya e da Reconstrución do Chiado en Lisboa. Entre as súas obras máis importantes están o restaurante Da Boa Nova, o Schlesisches tor Housing en Berlín, o Centro Galego de Arte Contemporáneo en Santiago de Compostela e a Facultade de Ciencias da Comunciación da Universidade de Santiago de Compostela, a igrexa de Marco de Canaveses e a Fundación Serralves.
Entre os numerosos galardóns que recibiu ao longo da súa traxectoria destacan a Medalla de Ouro de Arquitectura do CSCAE (1988) a Medalla Alvar Aalto (1988), o Premio Arquitectura Contemporánea da UE (1988), a Medalla de Ouro da Arquitectura (1988), o premio Pritzker (1992), o Praemium Imperiale (1998), o Premio Fundación Wolf das Artes (2001), a Medalla de Ouro do RIBA (2009), o Gabarrón (2010) e a Medalla de Ouro da UIA (2011).