O balneario Termas de Cuntis patrocina o “I Rallymix Cuntis Vila Termal” que se celebrará esta fin de semana

O campión galego de rallys da tempada 2006-2007, o cuntiense José Miguel Martínez Barreiro “Bamarti”, volve ás pistas nesta proba que puntúa para o campionato galego da especialidade 

O balneario Termas de Cuntis patrocina o “I Rallymix Cuntis Vila Termal” que se celebrará o sábado 11 e domingo 12 de marzo baixo a dirección da recentemente creada Escudería Cuntis Vila Termal, en colaboración co Concello de Cuntis, Protección Civil de Cuntis, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Automobilismo e a  Escudería Charly Romeo. Agárdase unha gran afluencia de público que encherá as rúas da localidade, como xa o demostra a reserva completa de aloxamento no propio balneario.

O Rallymix é un formato de carreira automobilística que combina asfalto e terra. Esta proba de Cuntis, primeira do ano dentro do calendario oficial da modalidade Rallymix, puntúa para o campionato galego da especialidade, cun trazado que discorre por diferentes lugares do municipio, cun 30% de tramos en asfalto e un 70% en terra.

Contará con dúas mangas cronometradas desde as 12:30 horas do sábado e outras tres previstas para o domingo desde as 9:00 horas. Os pilotos afrontarán cinco pasadas que suman un total de 13 quilómetros e 940 metros, dos cales 11 quilómetros e 460 metros serán cronometrados. Intercalaranse tramos de asfalto e de terra que garantirán a espectacularidade para os afeccionados ao motor. 

O Parque Pechado situarase diante do Concello de Cuntis e o Parque de Traballo diante do Centro de Saúde. O percorrido será o seguinete: Noval, Velai, Guimarei, Soutelo, San Mamede, Guimarei, Toucedo, Velai, Vilariño, Xirei e Noval.

Na proba reaparecerá un dos grandes pilotos de Rally de Galicia, José Miguel Martínez Barreiro “Bamarti”, que volve á acción despois de cinco anos lonxe das pistas ao volante dun Ya-Car monoplaza. Ademais, está prevista a participación doutros pilotos de renome como Manuel Senra –aínda non confirmado– e o campión galego absoluto do Campionato de Galicia de Rallymix 2016 Abel Jurado.