O aclamado violoncellista alemán Alban Gerhardt formará a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

 

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado violoncellista alemán Alban Gerhardt, que ofrecerá ademais un concerto en Santiago acompañado da Real Filharmonía de Galicia. Xunto aos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro.

As clases celebraranse o mércores 15 pola tarde, de 17:30 a 20:30 horas; e o xoves 16 pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Un gran difusor da música clásica en escolas e hospitais 

Alban Gerhardt posúe unha traxectoria de 25 anos impactando ao público de todo o mundo coa súa intensa musicalidade. Destaca polo seu don para botar nova luz sobre as obras de repertorio, xunto coa súa curiosidade pola investigación de novas partituras de séculos pasados ​​e actuais. A súa carreira internacional relanzouse tralo seu debut coa Filharmónica de Berlín en 1991. Ten tocado como solista coas principais orquestras de toda Europa, América, Asia e mesmo de Australia; baixo a batuta de grandes directores.

Gerhardt comparte os seus descubrimentos co público. Nesta liña, ten levado a cabo  proxectos de difusión por Europa e os Estados Unidos, incluíndo actuacións e talleres, non só en escolas e hospitais, senón tamén a través de sesións pioneiras en espazos públicos e mesmo en reformatorios.

É un artista moi aclamado e ten gañado os certames de música máis prestixiosos para o seu instrumento, entre eles tres Klassik Echo Awards. Un dos seus discos foi nomeado en 2015 para un Premio Gramophone.