A Cámara de Santiago forma ás pemes para facer o seu plan comercial e estimar a previsión de vendas

O experto en marketing e xestión de equipos, Javier Rocamora, impartirá o curso que se celebrará do 27 ao 30 de marzo

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará a finais de mes dous cursos formativos sobre a creación dun plan comercial e o manexo do programa Excel a nivel financeiro.

O curso destinado a crear un plan comercial adaptado á empresa impartirase do 27 ao 30 de marzo nas aulas do centro de formación da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 37), en horario de 18:00 a 21:00 horas. Estará impartido  en tres módulos polo consultor e formador en marketing online e offline, comunicación, liderazgo e xestión de equipos, Javier Rocamora.

O obxecto do curso é identificar os aspectos clave do plan comercial dunha empresa, planificar a estrategia para chegar ao segmento de mercado escollido, estimar a previsión de vendas, aprender a definir obxectivos realistas de vendas e desenvolver unha metodoloxía de control comercial.

Xestión financeira

Por outra parte, a Cámara de Comercio de Santiago impartirá do 27 de marzo ao 6 de abril, en horario de 19:00 a 21:00 horas, un curso de Excel financeiro nas súas aulas de formación. En seis módulo, o obxecto do curso é aprender a utilizar a aplicación de Excel, orientada á xestión fianceira dun departamento de administrción e control de xestión dunha empresa. Os alumnos coñecerán a ferramenta Excel e poderán elaborar documentos financeiros e de xestión, desenvolver modelos financeiros complexos, facer cálculos estatísticos ou administrar escenarios para simulación de casos, entre outras tarefas.