A conferencia celebrarase o vindeiro mércores, día 8, no salón de actos ás 20:00 horas
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará o próximo mércores, día 8, a segunda conferencia do seu ciclo anual, destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando a personaxes de gran relevancia nos diferentes ámbitos.O conferenciante será o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo (A Pobra do Caramiñal, 1963). Ofrecerá unha charla titulada “Conservando a Catedral: obras e mecenas”, ás 20:00 horas no salón de actos da sede cameral. O presidente da Cámara de Santiago, Jesús Asorey, será o encargado de presentar ao convidado.
Daniel Lorenzo cursou estudos de Dereito nas Universidades de Santiago de Compostela (USC) e a UNED, de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán e Dereito Canónico na Universidad Pontificia de Salamanca (UPSA), onde tamén realizou os cursos de Doutoramento.
Ordenado sacerdote en maio de 1995, Daniel Lorenzo incorporouse ao Tribunal Eclesiástico Metropolitano de Santiago en 1998, no que exerceu os oficios de Promotor de xustiza, Defensor do vínculo e Xuíz diocesano ata 2004, ano no que foi nomeado Vicario Xudicial adxunto. Actualmente, e desde 2006, é Vicario Xudicial. Entre 1999 e 2004, compaxinando co seu traballo no Tribunal compostelán, foi Vicario Xudicial da diócese de Lugo.
Ademais, é membro da Asociación Española de Canonistas, onde foi vogal da xunta directiva. Entre 1998 e 2006 estivo adscrito a diversas parroquias da archidiócese compostelá. Actualmente, e desde 2006, é párroco de San Pedro de Bugallido. En xuño de 2009 foi nomeado canónigo da S.A.M.I. Catedral de Santiago de Compostela, asumiu a presidencia da Comisión de Cultura en 2010 e o oficio de Fabriqueiro en 2011, mesmo ano no que asumiu o cargo de director da Fundación Catedral de Santiago.
Na docencia, Daniel Lorenzo é profesor de Dereito Canónico do Instituto Teolóxico Compostelá desde o ano 2000 e do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas de Santiago desde a súa fundación. Igualmente, exerce a docencia como profesor invitado no máster de Ciencias da Familia que se imparte na Facultade de Psicoloxía da USC. Foi secretario do Consello de Administración da Televisión Popular de Galicia. S. A. desde a súa constitución ata 2010.
Participa como conferenciante en xornadas, semanas e reunións sobre o matrimonio e a familia, organizadas por diversas institucións en distintas localidades de Galicia e de fóra da comunidad autónoma. Foi tamén relator no simposio sobre a Función administrativa da Curia diocesana, organizado pola UPSA e celebrado en Salamanca en setembro do ano 2000, cun relatorio titulado “A reforma das curias diocesanas en España a partir do CIC de 1983”. Interviu ademais nas XXV Xornadas da Asociación Española de Canonistas, celebradas en Madrid en 2005, e nas Xornadas sobre a parroquia e unidades pastorais, organizadas en 2009 pola Facultade de Dereito Canónico da UPSA, traballo que versou sobre o expediente matrimonial e a preparación ao matrimonio cristiano.

SONY DSC