Aseguran que, en xeral, axuda a mellorar a evolución dos doentes crónicos
No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Laias (Cenlle), acolle mañá venres e o sábado unhas xornadas sobre as indicacións terapéuticas da balneoterapia. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor das augas mineromedicinais para abordar determinados procesos crónicos e favorecer o benestar dos usuarios.
A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Salienta que “a balneoterapia é capaz de influír na saúde dos enfermos crónicos, reducindo os episodios de dor e contribuíndo ao seu benestar xeral. Proporciona calidade na mobilidade de pacientes con reumatismos, ao tempo que diminúe as crisis agudas. E, en consecuencia, redúcese en boa medida a inxesta de fármacos, os ingresos hospitalarios e o absentismo laboral, tanto en pacientes reumáticos como en pacientes con EPOC (enfermidade pulmonar obstructiva crónica)”. A doutora Indica que a balneoterapia debe, pois, ser considerada dentro da Medicina como “unha ferramenta terapéutica máis, cun valor fundamental de cara a mellorar a calidade de vida dos enfermos crónicos”.
Cada tipo de auga ten características particulares para tratar doenzas concretas
A doutora sinala que as augas mineromedicinais gozan dunhas propiedades físicas e químicas que as dotan de propiedades terapéuticas. “Cada tipo de auga posúe unhas características particulares para tratar doenzas concretas. Tamén inflúe a temperatura á que aflora a auga e as técnicas que emprega cada centro termal (auga de bebida, inhalacións, baños, piscinas, tanquetas…). Os expertos afirman que tamén repercute a profundidade da inmersión do paciente na auga, que será diferente segundo se queira tratar un problema respiratorio ou do aparato circulatorio, por exemplo.
As xornadas comezan mañá venres ás 16:00 horas. A doutora Fernández Marcos explicará os requisitos que deben cumprir os balnearios como servizos sanitarios. Ademais, abordará as diferentes aplicacións das augas mineromedicinais en doenzas crónicas e na promoción do benestar. O resto da tarde os estudantes realizarán prácticas no balneario co fin de coñecer a aplicación do protocolo balneoterapéutico en procesos reumáticos crónicos, da man do fisioterapeuta do centro, Kamil Brezenzski. E o sábado pola mañá tratarase a importancia que ten a entrevista médica nos balnearios, a través dun taller no cal os alumnos poderán desenvolver as habilidades necesarias para poder ofrecer mellor calidade na atención aos seus futuros pacientes. A xornada concluirá cunha sesión práctica nas instalacións do centro.